Deputación de Lugo
Emprego

O Presidente participa na xornada sobre seguridade no traballo que organiza Europastry en Lugo

Xornadas
seguridade
traballo
Lugo
José Tomé Roca asistiu este xoves á xornada SafetyDay que a empresa organizou no Pazo de Congresos,”e que reúne entre hoxe e mañá a máis de 600 traballadores e traballadoras desta compañía que se dedica á panadería e que ten sede no Ceao

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no SafetyDay que organizou no Pazo de Feiras e Congresos a empresa Europastry. Un evento que reúne entre hoxe e mañá a máis de 600 empregados e empregadas desta compañía que se dedica ao sector da panadería e que ten sede no Ceao.

Nas súas palabras o mandatario provincial evidenciou que para el “a xeración de riqueza e de postos de traballo é a maior contribución que o tecido produtivo pode facer ó desenvolvemento dun territorio, neste caso, da provincia de Lugo. O emprego é a primeira medida de política social, a que nos permite realizarnos como persoas, a base do desenvolvemento dos nosos proxectos persoais e familiares”. É por iso, dixo, que a Deputación de Lugo mantén unha relación constante e fluída co tecido produtivo da provincia. 

Valorou dun xeito positivo o impulso desta xornada de prevención da saúde no traballo, lembrando que segue a ser fundamental traballar para atallar os accidentes e riscos que se seguen correndo no país. “Estou seguro de que este día dedicado á seguridade é  só unha forma de manifestar un compromiso que se visibiliza hoxe de xeito especial, pero que se articula e se coida ao longo dos 365 días do ano porque, do mesmo xeito que Europastry traballa para ofrecer novos produtos e solucións innovadoras, pon tamén o mesmo empeño en estar na vangarda das medidas de seguridade e benestar no traballo”.

Tomé Roca manifestou que, segundo datos oficiais, en España producíronse no ano 2023 máis de medio millón de accidentes laborais con baixa, con máis de 27.000 en Galicia, e 3.000 deles na provincia de Lugo. “Son cifras demasiado elevadas, que hai que seguir reducindo co esforzo de todos: a inspección da administración, a responsabilidade das empresas e a formación dos traballadores e traballadores”, subliñou.

“Europastry é un grupo empresarial vinculado á industria da alimentación que compite no mercado defendendo a calidade dos seus produtos. E desde logo, penso que a calidade que se reclama para ese produto final, ten que estar presente en todas as fases do proceso de elaboración e de comercialización”, indicou, ao tempo que incidiu que “non podemos obter un bo produto mediante un proceso defectuoso, e unha empresa non pode conseguir a excelencia, se non trata de xeito excelente ós seus empregados, porque son eles, os traballadores e traballadoras, a primeira e máis importante materia prima ca que conta calquera proxecto empresarial”.