Deputación de Lugo

A Deputación festexará o venres o Día do Cinema Español con proxeccións de acceso libre e gratuíto en San Marcos

Centro de formación audiovisual
SECTOR AUDIOVISUAL
Día do Cine Español
Amor viaxeiro
No se oye
Súmase á programación prevista polo Ministerio de Cultura e Deporte para enxalzar a importancia do cine como patrimonio cultural e xerador dunha identidade e imaxinario comúns, ademais de emprego e actividade económica

Proxectaranse tres películas da Filmoteca Española -Embrujo, Valentina e Las Niñas-, e audiovisuais realizados polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, como No se oye e Amor viaxeiro

A institución provincial mantén un firme compromiso co sector audiovisual, pois conta co único centro de formación público da provincia neste eido, e apoia de xeito directo a rodaxe de películas, series e curtametraxes

A Deputación de Lugo festexará este venres, 6 de outubro, o Día do Cinema Español con proxeccións gratuítas e abertas ao público durante todo o día no Pazo de San Marcos. A institución provincial súmase así á programación para este día do Ministerio de Cultura e Deporte que, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), mobiliza ás deputacións e concellos de todo o país para reivindicar de maneira colectiva o peso e a importancia do cine como patrimonio cultural e xerador dunha identidade e imaxinario comúns, ademais de emprego e actividade económica.

Proxectaranse tres películas da Filmoteca Española: Embrujo, Valentina e Las Niñas, ademais de audiovisuais realizados polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo como recreacións de secuencias de cine español, documentais sobre o mundo do cine, ou producións propias. 

O obxectivo desta homenaxe ao cine é recoñecer o papel das e dos cineastas e a súa influencia e importancia na vida cultural, social e económica do país, así como o valor patrimonial do cine. A data elixida, este 6 de outubro, correspóndese co día oficial do final da produción de Esa pareja feliz (1953).  

Talento lucense
Nas proxeccións que fará a Deputación neste día dáselle moito peso ao talento do alumnado do Centro de Formación Audiovisual. No curso pasado realizaron dúas importantes producións: Amor Viaxeiro e No se oye, que foron aclamadas pola crítica. Cabe destacar que Amor Viaxeiro vén de ser galardoada como a Mellor Película Lucense na 45ª Semana do Cine de Lugo, ademais de resultar premiada por Netflix e Turespaña; e No se oye resultou gañadora á mellor curta documental no Festival Internacional de Cine de Ponferrada. 

Ademais, verase a película Valentina, dirixida pola galega Chelo Loureiro e que conta co Premio Goya á Mellor Película de Animación en 2021. Outro bo exemplo de que en Galicia e na provincia de Lugo existe unha boa canteira de profesionais do mundo audiovisual.  

A Deputación co audiovisual
A Deputación de Lugo mantén un firme compromiso co sector audiovisual, pois conta co único centro de formación público da provincia neste eido. Así, o alumnado do Centro de Formación Audiovisual nutriu ao sector de talento, con persoas que hoxe teñen un gran renome na industria cinematográfica. 

Así mesmo, a institución provincial céntrase dende hai anos en desenvolver as potencialidades que ten a provincia para o sector audiovisual pola gran diversidade de localizacións que ofrece e aproveitar ese impacto para impulsar o turismo. Son moitas as colaboracións que a entidade leva facendo nos últimos anos para favorecer a proxección do territorio a través do mundo do cinema e das producións audiovisuais. Entre estas colaboracións, destacan películas como O que arde de Óliver Laxe ou La sombra de la Ley de Dani de la Torre. Este director tamén apostou pola provincia para o seu último traballo, Live is life, coa que tamén se implicou a Deputación, ao igual que noutras producións feitas na provincia, como a serie da plataforma Netflix O sabor das margaridas, a película Longa noite de Eloy Enciso, Dhogs de Andrés Goteira, ou Arima de Jaione Camborda. 

A Deputación tamén colaborou con outras series como El desorden que dejas da palataforma Amazon Prime Video, e 3 Caminos; ou promocionais con grande repercusión social como Vivamos como galegos.

Froito destas colaboracións, materializadas a través da área provincial de Promoción do Territorio e Turismo e da Film Comission, a institución contribuíu á promoción a nivel mundial de paisaxes como as dos Ancares, da Ribeira Sacra ou da praia das Catedrais, e bens patrimoniais como a Muralla Romana de Lugo, a cidade de Mondoñedo ou as rutas xacobeas. Unha maneira activa de crear industria e emprego, fomentar a cultura e  o uso da lingua galega e de impulsar un turismo de calidade, sostible e sen masificacións.

Programación
11:15 Apertura do acto
11:30 Embrujo
12:45 Secuencias do alumnado: El año de la garrapata e El autor
12:50 No se oye 
13:20 Secuencias do alumnado: Amanece que no es poco e Promoción fantasma
13:25 Amor viaxeiro
13:35 Secuencias do alumnado: Tesis 1, Magical girl 1
13:40 Noso zinema
14:30 Secuencias do alumnado: XXL, Paquita Salas, Crimen ferpecto, A cambio de nada, Tesis 2, Magical girl 2
14:50 No se oye
15:20 Amor viaxeiro
15:25 Back to the TIC
16:00 Las niñas
17:40 Valentina