Deputación de Lugo

A Deputación renova a súa colaboración coas Xornadas Xurídicas de Sarria, un referente no país

Xornadas xurídicas
Sarria
“Esta é unha cita que sitúa o municipio e á provincia no centro do debate xurídico en España”, subliñou o Deputado en funcións de Promoción Económica e Social na inauguración da 16ª edición das xornadas, que abordan os retos do Estado de Dereito

Pablo Rivera valorou que entre “as claves que explican este éxito” se sitúan o “perfil dos poñentes e o rigor no tratamento dos temas”, pero tamén considera clave “o sentido da oportunidade co que a organización selecciona os temas a tratar”

A institución provincial achega 5.000€ para a organización deste encontro, que retransmite en streaming grazas ao servizo provincial de Audiovisuais

O Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na inauguración das XVI Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, que nesta edición invitan a reflexionar sobre os retos do Estado de Dereito. Unha cita que, segundo destacou, “sitúa o municipio e á provincia de Lugo no centro do debate xurídico en España” e coa que a Deputación de Lugo colabora desde o seu inicio. Este ano, a institución provincial achega 5.000€ e retransmite as distintas conferencias grazas ao servizo provincial de Audiovisuais.

No acto inaugural que tivo lugar na Casa da Cultura sarriá participaron ademais o Alcalde en funcións da localidade, Claudio Garrido, o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Rafael Mozo, o Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira.

“O perfil dos poñentes, o rigor no tratamento dos temas son sen dúbida dous elementos chave que explican este éxito, pero tamén o sentido da oportunidade co que a organización selecciona os temas a tratar”, apuntou o Deputado. Nese sentido, destacou o acaído de abordar os retos do Estado de Dereito nunhas xornadas “que se celebran poucos días despois dunha cita electoral e apenas un par de meses de acudir de novo ás urnas”.

Rivera Capón destacou que “en democracia as eleccións son o mecanismo que determina a participación cidadá na elección dos representantes do poder lexislativo que, a súa vez, elixen aos membros do poder executivo”, e sinalou que, ademais de votar para elixir quen goberna, “votamos tamén para reiterar a nosa convicción no Estado de Dereito”. Para Pablo Rivera, actualizar as institucións é “en si mesmo un xeito de reiterar a nosa convicción nas mesmas e no sistema de poderes e contra poderes que constitúe a esencia da verdadeira democracia”.

Os retos do Estado de Dereito
Fixo fincapé o Deputado en que “o século XXI está deixando algúns exemplos de deterioro e ameazas democráticas en diferentes puntos do Globo. Democracias ameazadas desde dentro por presidentes populistas que chegan a alentar a toma do Capitolio; réximes populistas que se adornan coas formas da democracia, pero baléirana de sustancia; ou sistemas de partido único que converten unha etapa de crecemento económico na nova escusa para negar aos seus cidadáns dereitos e participación”.

Valorou Pablo Rivera que “a democracia, o Estado de Dereito, é un dos grandes logros da cultura europea” e que “revisalo, analizalo e fortalecelo é, sen dúbida, unha obriga de todos e un traballo no que non debemos retroceder nunha etapa histórica como a que nos tocou vivir”, concluíndo que “reafirmar e reforzar o Estado de Dereito é a mellor vacina contra a tiranía, a perda de liberdades e o retroceso como sociedade”.

As Xornadas Xurídicas de Sarria celébranse entre hoxe e o vindeiro venres, 2 de xuño, na Casa da Cultura da localidade, e pódense seguir en directo a través de YouTube grazas á retransmisión realizada polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo no marco da colaboración que a institución ten con esta cita de referencia. Novamente este ano as conferencias que se imparten terán recoñecemento universitario, de maneira que o alumnado da UNED de Lugo obterá o equivalente a 10 horas lectivas.