Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente da Deputación traballa co Goberno do Estado para darlle unha nova vida á finca de Tor

Francesc Boya Alós
José Tomé mantivo un encontro institucional co Secretario Xeral para o Reto Demográfico, Francesc Boya Alós, no que abordaron as posibilidades de establecer no futuro algún tipo de colaboración para poñer en valor o complexo co fin de que “sexa útil como un ben público e tamén sirva para dinamizar os sectores produtivos, nomeadamente o primario”

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, mantivo este martes un encontro institucional co Secretario Xeral para o Reto Demográfico, Francesc Boya Alós, que arrancou na casa consistorial monfortina, onde o representante do Goberno de España asinou no Libro de Honra do Concello, e continuou cunha visita á finca de Tor, de titularidade da institución provincial.

“Estamos moi sensibilizados sobre a necesidade de afrontar o reto demográfico, e por iso tratamos de impulsar políticas e medidas que contribúan a corrixir o problema, que ten máis dificultade no interior”, explicou José Tomé. “Por iso, colaboramos dende a Deputación co Ministerio de Seguridade Social, Inclusión e Migracións como acabamos de facer coa cesión do antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, para a creación dun centro de inmigrantes”, indicou.

No caso de Tor, explicou o Presidente, “hoxe visitamos e analizamos co Secretario Xeral para o Reto Demográfico as posibilidades de establecer no futuro algún tipo de colaboración para poñer en valor a finca da Deputación co fin de que sexa útil como un ben público e tamén sirva para dinamizar os sectores produtivos, nomeadamente o primario”. 

José Tomé subliñou que coa Secretaría Xeral de Reto Demográfico, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, “colaboramos habitualmente nunha dobre dimensión, como Deputación, de feito Francesc Boya xa coñeceu in situ o modelo de centros de atención a maiores que temos implantado, e tamén como Concello”.

Pola súa banda, Francesc Boya enmarcou a visita no interese do seu departamento en coñecer de primeira man “como artellan as cidades medias, como poder ser Monforte, o territorio, os servizos e o rural, un modelo que queremos para o conxunto do país”, e loitar así contra o despoboamento, un obxectivo “para o que por primeira vez hai unha política de Estado”, e cuxa solución pasa en gran medida por “reter talento e configurar polos industriais con capacidade de ofrecer calidade de vida e oportunidades laborais”.