Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación renova o apoio ás gandeirías de ovino e caprino, cunha achega de 10.000 euros a Ovica

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
OVICA
A entidade ofrece servizos de xestión, formación e asesoramento a máis de 70 gandeirías  da provincia

A  área de Medio Rural da Deputación de Lugo renovará a colaboración coa Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (OVICA), cunha achega de 10.000 euros destinada aos proxectos de formación, asesoramento, apoio técnico e promoción da comercialización que desenvolve a entidade, fundamental no desenvolvemento do sector en Galiza nas tres últimas décadas.

A deputada Mónica Freire sinalou que “a través desta achega queremos seguir contribuíndo a estabilidade e continuidade dunha labor que beneficia directamente as gandeiras e gandeiros asociados, atendendo necesidades relacionadas coa súa actividade cotiá, e que permite que encaren de xeito colectivo os retos dun sector fundamental para o mantemento do territorio”.

Ovica presta diferentes servizos  ás 160 gandeiras e gandeiros asociados en toda Galiza -76 na provincia de Lugo-, fundamentalmente servizos de carácter administrativo, como os relacionados coa recollida e certificación da lá, dos animais mortos nas explotacións, os seguros ou a tramitación das axudas de diferentes administracións. Tamén ofrece asesoramento en materias como a produción ecolóxica ou a xestión das razas autóctonas.

Ademais desenvolve unha ampla axenda de actividades formativas e demostrativas, desde xornadas para fomentar novas incorporacións a este tipo de gandeiría, ata cursos teórico prácticos de esquilado ou podoloxía e manexo de pequenos rumiantes.

Desde 2016, ven apostando tamén na promoción da comercialización da carne a través da Marca de Garantía “Pastores de Galicia” que ten como finalidade distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en Galicia e asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante o pastoreo das nais e a alimentación dos cordeiros e cabritos a base de leite materno e cereais, servindo ao consumidor como garantía de orixe, sistema de produción, seguridade alimentaria, benestar animal e calidade.