Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Presidente participa no Senado na comisión de Deputacións da FEMP, que pecha o traballo feito no mandato 2019-2023

FEMP
José Tomé Roca fixo un balance moi positivo dos 12 encontros celebrados, que estiveron descentralizados por todo o país, e nos que se visibilizou e potenciou o papel fundamental que teñen as deputacións para apoiar e colaborar cos concellos, sobre todo cos máis pequenos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este mércores no Senado, en Madrid. Unha sesión que pechou o traballo feito pola Comisión neste mandato 2019-2023. 

José Tomé fixo un balance moi positivo destes encontros, un total de 12, que se descentralizaron por todo o territorio nacional durante estes catro anos. Unha reunión que estivo precedida do saúdo do Presidente da Cámara Alta, Ander Gil, quen tamén fixo unha recepción aos presidentes e presidentas das deputacións no Salón de Pasos Perdidos. 

O mandatario provincial destacou que este mandato estivo marcado pola pandemia primeiro, e pola guerra de Ucraína despois, situacións que demostraron a necesidade das deputacións visibilizando en gran medida o papel fundamental que teñen á hora de colaborar e apoiar aos concellos, sobre todo aos máis pequenos. “Os Gobernos locais intermedios xogamos un papel fundamental para que os concellos poidan prestar servizos e atender aos seus veciños e veciñas, un labor que facemos sen os recursos económicos suficientes e asumindo moitas competencias impropias, pero creo que superamos con boa nota nese difícil momento”. Nese sentido, as Deputacións achegaron importantes recursos como material sanitario ou medios para afrontar a crise sobrevida que supuxo para os concellos a pandemia da Covid-19. 

Engadiu, así mesmo, que as deputacións son as institucións que vertebran o territorio, que chegan a onde outras administracións non chegan, que igualan oportunidades e que achegan os servizos, “son unha ferramenta que leva funcionando 200 anos e que é preciso potenciar”. 

O Presidente subliñou que a Comisión de Deputacións plantéxase como reto de cara ao vindeiro mandato, nunha reunión que se celebrará no mes de setembro, abordar unha revisión do financiamento local, solicitando máis recursos, que lles permita ás entidades provinciais e locais dar unha resposta axeitada a todas as competencias que teñen, ademais doutras impropias que asumen para poder dar unha resposta ás necesidades que se presentan en cada territorio.