Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural destaca a Casa Grande de Xanceda, recoñecida co Premio Aresa 2023, como "un referente da reivindicación da cultura agraria do noso país"

medio rural
Mónica Freire
CASA GRANDE DE XANCEDA
PREMIO ARESA

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade Deputación de Lugo trasladou á Casa Grande de Xanceda os parabéns polo Premio Aresa 2023 de Desenvolvemento Rural, que recibiron este venres na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela do Campus de Lugo.

A deputada Mónica Freire destacou a “traxectoria do proxecto da Casa Grande de Xanceda, referente do emprendemento agrogandeiro que soubo poñer en valor a cultura agraria deste país como modelo de desenvolvemento e de fixación de poboación. Casa Grande de Xanceda é un referente para todas nós, pola súa aposta polo respecto á natureza, o benestar animal e pola gran labor didáctica e educativa que realiza na sociedade. Foi inspirador para nós á hora de poñer en funcionamento o programa Da Escola á Granxa dentro da provincia de Lugo."

"Iniciativas coma esta permiten dignificar e poñer en valor o traballo dos nosos/as agricultores/as para que poidan coñecer o papel fundamental que teñen para o mantemento da biodiversidade, do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento identitario da nosa cultura.  Temos que afastar o estigma social que os propios agricultores e gandeiras lle transmiten ás xeracións vindeiras. Detrás de Casa Grande de Xanceda hai un enorme equipo de profesionais comprometidos co seu traballo", concluíu.

Así se puxo de manifesto na intervención que realizou na gala a responsable de Marketing e redes sociais corporativas Sara Torreiro, que enumerou algunhas cifras alarmantes constatadas pola Unión Europea, como que “desapareceron o 70 % das bolboretas nos últimos 30 anos, que só quedan a metade das aves que había hai 40 anos ou que xa non existen no estado español o 60 % das zonas húmidas que existían hai un século”, para posteriormente recalcar unha radiografía do espazo natural que supoñen as 75 ha que forman a granxa, as Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro, recoñecidas como Espazo Natural Protexido.

“Contamos con 145 especies de plantas, 92 de aves, 26 especies de mamíferos, 13 de anfibios, 9 de réptiles e 3 especies de peixes continentais, todo grazas ao gran traballo das nosas vacas ecolóxicas, que son as que crean un ecosistema de pastoreo, pois coas súas patas e o seu fociño moven sementes dun prado a outro”, subliñou.

Despois da súa explicación, reclamou que “se deixen de ver as vacas como un problema, porque son parte da solución. Onde hai vacas, persoas e traballo non hai monocultivos nin incendios nin abandonos”. Aproveitou así para pedirlle á Administración que “aposte polos produtores en ecolóxico e que non os descoide, porque é un sector crucial para a comunidade do futuro”.