Deputación de Lugo

O Presidente abre en Lugo o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, co que colabora a Deputación

administración local
ENCONTRO
ESTATAL
GOBERNOS
LOCAIS
“Este foro pon de manifesto as mellores características do municipalismo”, pois as administracións locais contribúen na medida das súas posibilidades “a cambiar o mundo” con iniciativas “que asumimos con máxima convicción porque debemos servir de canle á vontade de cooperación dos nosos veciños”, subliñou José Tomé Roca

Somos unha Administración moderna, próxima ó cidadán, áxil e cunha tremenda capacidade de transformación daquelas contornas nas que actuamos, e todo isto conseguímolo cunha financiación insuficiente, cuxa revisión é necesario abordar para dotar adecuadamente ás facendas locais”, asegurou
- Na primeira plenaria do encontro, que abordou O novo marco legal en materia de cooperación ao desenvolvemento e o seu impacto nos gobernos locais, o Presidente valorou o proxecto de Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global que impulsa o Goberno do Estado

A institución provincial, a través do Servizo de Audiovisuais, retransmite por streaming este foro, que se celebra entre hoxe e o xoves no MIHL e no Vello Cárcere co obxectivo de fomentar o diálogo entre a Administración central e a local para abordar o papel que poden e deben xogar as entidades locais na política pública de cooperación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este martes na capital lucense xunto á Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento. Un foro “que pon de manifesto, de xeito moi claro, as mellores características do municipalismo”, pois as administracións locais contribúen na medida das súas posibilidades “a cambiar o mundo” con iniciativas “que asumimos con máxima convicción porque debemos servir de canle á vontade de cooperación dos nosos veciños e veciñas”, subliñou José Tomé.

A institución provincial e o Concello de Lugo colaboran con este encontro, que organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, que aglutina a máis de 1.300 gobernos locais activos en cooperación internacional, e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e ten como obxectivo fomentar o diálogo político entre a Administración central e a local para abordar o papel que poden e deben xogar as entidades locais na política pública de cooperación.

Na xornada de apertura, que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), participaron tamén a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro; o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o Presidente do Fondo Galego, Juan González; a Presidenta da Confederación de Fondos, Nùria Parlón; e o Presidente da FEMP, Alberto Varela; entre outras autoridades.

O Presidente da Deputación asegurou na inauguración do encontro que revisar os proxectos de cooperación internacional que impulsan as entidades locais españolas en países de África, Asia o Sudamérica “equivale a falar de compromiso social, do desexo de colaborar, a poñer a nosa aportación para que outras persoas teñan acceso a servizos básicos como auga potable, saneamento, sanidade ou educación”.

José Tomé argumentou que, neste sentido, as entidades locais están a demostrar unha vez máis “a súa capacidade para asumir competencias que en principio non serían propias dun Concello ou dunha Deputación”, e que o fan “coa máxima convicción porque entendemos que os gobernos locais deben servir de canle á vontade de cooperación que expresan os nosos veciños e veciñas”.

Puxo en valor o mandatario provincial a solidariedade da sociedade lucense e galega, unha sensibilidade da que os concellos “non podemos quedar o marxe porque os cidadáns reclaman dereitos e servizos públicos, pero tamén participación, e canto máis participativa é unha sociedade local, máis crece o seu interese polo mundo global, porque os nosos veciños e veciñas séntense cidadáns do noso país, pero tamén cidadáns do mundo”.

O Presidente fixo referencia ó financiamento local: “Os concellos demostramos día a día que podemos facer máis, que asumimos competencias que deberían prestar as Comunidades Autónomas; que somos capaces de optar e xestionar con eficacia fondos europeos; e que podemos levar o noso saber facer a outros puntos do planeta”. “Somos unha Administración moderna, próxima ó cidadán, áxil e cunha tremenda capacidade de transformación daquelas contornas nas que actuamos, e todo isto conseguímolo cunha financiación insuficiente, cuxa revisión é necesario abordar para dotar adecuadamente ás facendas locais”, recalcou Tomé Roca.

Concluíu o mandatario provincial co seu convencemento de que os concellos “seguiremos colaborando e desenvolvendo proxectos de cooperación ó desenvolvemento lonxe das nosas fronteiras, na medida da nosa capacidade e cos recursos dos que dispoñemos, porque somos administracións firmemente solidarias e comprometidas co benestar social e co desenvolvemento, e porque a cooperación e o sentido da veciñanza non entende de fronteiras”.
Proxecto de Lei de Cooperación
Na primeira plenaria do encontro, que abordou O novo marco legal en materia de cooperación ao desenvolvemento e o seu impacto nos gobernos locais, o Presidente valorou o proxecto de Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global que impulsa o Goberno do Estado, pois “fíxose un esforzo especial para recoñecer, encaixar e potenciar o papel que desempeñan as administracións locais no marco da cooperación ao desenvolvemento”.

Preguntado polo papel que xogarán as deputacións no marco da nova Lei, sinalou que a función dos gobernos locais intermedios “é sempre o de axudar os concellos, sobre todo ós de menos tamaño, a prestar servizos ós cidadáns”, polo que no campo da cooperación internacional a súa función ten que ser a mesma, “colaborar cos medios económicos ou humanos dos que dispoñemos para que os concellos poidan desenvolver os seus proxectos de cooperación de xeito máis eficaz”. 

Expuxo José Tomé que na provincia de Lugo a maioría dos concellos teñen menos de 5.000 habitantes e que “non podemos deixar que ese pequeno tamaño se converta nun freo á hora de canalizar os desexos de solidariedade e de cooperación dos veciños”, engadindo que as deputacións “podemos ser o punto de encontro no que conflúan e se poñan en común diferentes iniciativas locais para, coordinándoas, darlles un maior potencial”. “Xuntos chegaremos máis lonxe, e creo que un xeito de potenciar o papel do municipalismo na cooperación internacional pasa por fomentar a cooperación entre os pequenos concellos para sumar esforzos”, concluíu.

O Servizo de Audiovisuais da institución provincial retransmite por streaming este foro, que se celebra entre hoxe e o xoves no MIHL e no Vello Cárcere.