Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Mónica Freire destaca no Valadouro a importancia das gandeirías de razas autóctonas para a conservación do territorio

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
RAZAS AUTÓCTONAS VALADOURO
A deputada entregou os premios os mellores lotes e exemplares da feira, que reuniu 215 animais de 37 gandeirías

 A deputada Mónica Freire felicitou ás gandeiras e gandeiros que participaron na IV Feira de Razas Autóctonas do Valadouro, organizada este sábado polo Concello do Valadouro co apoio da área de Medio Rural da Deputación de Lugo

215 animais de 37 explotacións -maioritariamente da Mariña, mais tamén de Lugo, Vilalba, Guitiriz, Fene, A Estrada, Curtis ou Vegadeo – participaron nos certames de razas autóctonas nos que se repartiron máis de 4.700 euros en premios.  

Recoñecéronse os mellores lotes por cantidade de cabalos de pura raza galega, burro fariñeiro, porco celta, cabra galega, ovella galega, galiña de Mos, pita piñeira e can de palleiro, e tamén se entregaron galardóns ás gandeirías cos mellores exemplares de femias e sementais de rubia galega, morenas do noroeste e cabalos de pura raza galega. 

Mónica Freire, que entregou os premios, sinalou a necesidade de manter "estas feiras para apoiar as gandeirías de razas autóctonas e dar a coñecer ao público a importancia do seu traballo na conservación das razas e do territorio, e tamén a calidade dos produtos" e  destacou a “aposta que desde a área de Medio Rural do Valadouro por potenciar o sector primario e especialmente a gandeiría extensiva, cunha longa tradición na zona”.

O recinto feiral, un concurso morfolóxico de cabalos de pura raza galega e unha demostración de doma centraron a actividade ao longo desta xornada, que inaugurou o Mes Gandeiro do Valadouro. O vindeiro sábado 11 de febreiro desenvolverase un programa de conferencias agrogandeiras, dedicadas á formación e ao intercambio de experiencias coa participación de gandeiros, entidades de aconsellamento e persoas investigadoras, que abordarán distintos cuestións relacionadas co manexo e crianza de gando nas zonas de montaña. Ademais, Puraga organizará un concurso de andadura galega, con probas desde as 11 da mañá no Camiño da Granda, en Ferreira.  Durante a xornada, a hostelería ofrecerá diferentes tapas con produtos de razas autóctonas. 

O 18 de febreiro haberá unha feira de gando na que, ademais da actividade comercial, a organización repartirá 1.000 euros en premios entre as mellores gandeirías participantes.