Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a II xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais para visibilizar a lacra da violencia machista no 25N

25N
A institución provincial presenta a programación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que inclúe o vindeiro mércores un coloquio aberto á cidadanía na que participará a xornalista e investigadora Ana Bernal-Triviño e unha representante da Comisaría Policía Nacional de Lugo

O xoves pola tarde proxectarase no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o documental No se Oye, realizado polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial

O venres celebrarase a sexta andaina En Camiño contra as Violencias, que partirá da Praza de San Marcos e rematará no Centro de Formación Audiovisual, con paradas en distintos puntos de interese da cidade

A Deputación de Lugo impulsa un programa de actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se estenderá do 23 ao 25 de novembro. O programa arrancará o vindeiro mércores coa segunda xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, que lanzou o ano pasado a institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á lacra da violencia machista e combatela entre o conxunto da sociedade da provincia. 

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, destacou que “a loita en favor da igualdade real entre homes e mulleres é unha política transversal na acción deste Goberno, porque cremos que aínda queda moito traballo por facer”. Destacou a importancia desta campaña impulsada dende a Deputación porque “temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en toda as súas formas”. 

Este ano a mesa redonda, que terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, estará formada pola xornalista, investigadora, doutora e profesora na Universitat Oberta de Catalunya, Ana Bernal-Triviño, e unha representante da Comisaría da Policía Nacional de Lugo. “Trátase dun espazo para o debate e a reflexión, pero tamén para escoitar a convidadas de excepción”, sinalou a Deputada. Esta xornada está aberta a toda a cidadanía interesada en participar ata completar aforo. 

O xoves, 24 de novembro, proxectarase ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o documental No se Oye, realizado polo estudantado do centro de ensino da Deputación de Lugo. Este audiovisual, realizado por oito alumnos da escola, céntrase no roubo de bebés durante a ditadura no antigo Hospital de San Xosé, unha edificación que é agora de titularidade provincial. A cinta, de media hora de duración, acadou un recoñecemento no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.

En Camiño contra as Violencias

O programa complétase o venres, 25 de novembro, coa celebración da sexta edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12 horas na Praza de San Marcos e rematará no Centro de Formación Audiovisual da Deputación. “Queremos que os nosos veciños e veciñas se animen a participar nesta marcha para reivindicar a igualdade e clamar contra a violencia machista. Non podemos consentir que haxa mulleres, veciñas nosas, privadas dos seus dereitos e liberdades”, incidiu a Deputada de Muller e Igualdade. 

Esta andaina percorrerá puntos emblemáticos da cidade de Lugo onde se levarán a cabo diferentes actuacións e outras iniciativas para chamar a atención da cidadanía fronte a esta loita. Ao comezo, ante o Pazo de San Marcos, farase a lectura dun manifesto en repulsa á violencia machista. 

Material para os concellos

Esta campaña tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, dende a Deputación faráselles chegar material como calendarios e camisetas para que a poboación tamén se faga partícipe desta iniciativa provincial.