Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente celebrou o Día das Persoas Maiores xunto a usuarios e usuarias das residencias da Deputación

José Tomé Roca recibiu no Salón de Plenos a 37 residentes nos sete centros que a institución provincial ten en funcionamento, en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira

Os maiores, xunto aos alcaldes e a alcaldesa dos concellos nos que se sitúan as residencias, coñeceron o Pazo de San Marcos, onde loce na planta baixa o mural que eles mesmos elaboraron con motivo da efeméride, formado por fotografías súas e co lema Cremos que nolo merecemos. Somos maiores!! Viva a Festa!!

“Para a Deputación, o Día do Maior son os 365 días do ano porque, cada día, traballamos para mellorar a atención que reciben os nosos maiores, xa que, despois de toda unha vida de traballo, merecen que a sociedade lles devolva todo ese esforzo en forma de coidados, atención, cariño e benestar”, subliñou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres no Salón de Plenos a 37 usuarios e usuarias dos sete Centros de Atención a Maiores da institución provincial con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores. No encontro tamén participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez; os alcaldes da Fonsagrada, Carlos López; Meira, Antonio de Dios; Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e Pol, Lino Rodríguez Ónega, así como a Concelleira de Servizos Sociais de Ribadeo e Deputada provincial, Mónica Freire Rancaño.

José Tomé deulle a benvida aos usuarios e ao persoal das residencias ao Salón de Plenos, “onde os responsables políticos tomamos as decisións coas que queremos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Decisións, por exemplo, como as de abrir centros de atención a maiores”.

Neste sentido, incidiu en que, para a Deputación, “o Día do Maior son os 365 días do ano porque, cada día, traballamos para mellorar a atención que reciben os nosos maiores, xa que, despois de toda unha vida de traballo, merecen que a sociedade lles devolva todo ese esforzo en forma de coidados, atención, cariño e benestar”.

Así, puxo en valor o modelo de residencias que ten implantado a institución provincial en colaboración cos concellos, “centrado no benestar das persoas, que permite o arraigo dos veciños na súa terra, preto do lugar no que naceron ou do que viviron toda a vida, e cerca da súa familia”. Un modelo público , destacou, “que se está poñendo como exemplo en España e que interesa tamén en Europa”, avanzando que o vindeiro 13 de outubro o Deputado de Promoción Económica e Social viaxará a Bruxelas para explicar o funcionamento dos centros de maiores provinciais no seo da Semana Europea das Rexións e Cidades.

O mandatario provincial agradeceu a visita dos maiores, e puxo en valor a súa actitude na pandemia, durante a que foron “exemplares”, e o seu “dinamismo e as gañas de facer cousas que demostran todos os días, tal e como constatan os equipo de persoal das residencias”.

Os maiores, coñeceron diversas estancias do Pazo de San Marcos, onde loce na planta baixa o mural que eles mesmos elaboraron con motivo da efeméride, formado por fotografías súas e co lema Cremos que nolo merecemos. Somos maiores!! Viva a Festa!!. Posteriormente, degustaron unha comida nun restaurante do concello de Lugo. 

Na actualidade, a Deputación de Lugo conta con sete centros públicos de maiores abertos, situados en Trabada, Pol, Ribadeo, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Meira, e nos vindeiros meses abrirá os de Navia de Suarna e Ribas de Sil, de forma que no 2023 estarán en funcionamento 9 residencias, que suman máis de 300 prazas asistenciais e uns 230 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os indirectos. Así mesmo, traballa nos proxectos para crear outros nove centros en Guitiriz, A Pontenova, Portomarín, Pantón, Cervantes, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol e Folgoso do Courel.