O Goberno saca adiante no Pleno os Orzamentos 2026: “135M€ para consolidar o crecemento económico e social da provincia”
“Seguiremos tecendo a nosa rede de protección social, que é ampla e forte, con 41M€ que destinaremos a seguir poñendo a disposición da veciñanza residencias para maiores públicas e de calidade, ao SAF ou á Teleasistencia”, detallou a Deputada de Economía
A mobilidade seguirá concentrando un “importante esforzo investidor” de 27M€ por ser “o primeiro factor de igualdade territorial”; o Plan Deputación de cooperación cos concellos volve subir ata os 22,5M€ este ano; e os sectores produtivos 13,5M€
O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante este martes os Orzamentos da institución provincial para o vindeiro 2026, que superan os 135M€ “para consolidar o crecemento económico e social da provincia”. Soben máis dun 3,7% respecto aos do 2025 e darán continuidade o proxecto de impulso do benestar social, “apostando con firmeza polos servizos públicos”; e de fomento das actividades produtivas, “potenciando os sectores estratéxicos”.
Así os valorou o Presidente, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria que abandonaron os deputados do PPdeG para esquivar a votación. O mandatario provincial cualificou de “lamentable” o seu comportamento, pediulles madurez política, seriedade e responsabilidade para “deixarse de espectáculos e poñerse a traballar”. “Levan cinco anos de rexeitamento sistemático á previsión de fondos da Deputación, porque teñen unha posición fixa de bloqueo, non do resultado dun análise real do contido dos presupostos”, reprochou. As contas da Deputación foron aprobadas grazas aos votos a favor do PSdeG e do BNG.
Durante o Pleno, a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, puxo en valor uns orzamentos que “están deseñados para avanzar no proxecto de progreso social e económico”, asentado nas políticas sociais, a mellora da mobilidade, cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos. Uns números “realistas”, porque se mantén o nivel de execución orzamentaria no 85%; “investidores”, porque soben aos 19,5 os investimentos reais e “profundamente sociais”, cunhas transferencias correntes que chegan aos 18,5M€.
Destacou tamén a “débeda cero” da institución provincial, proba dunha xestión “rigorosa, responsable e comprometida co uso eficiente dos fondos públicos”.
Compromiso coas políticas sociais
Os orzamentos reservan 41M€ ás políticas sociais. “Seguiremos tecendo a nosa rede de protección social, que é ampla e forte, con 41M€ que destinaremos a seguir poñendo a disposición da veciñanza residencias para maiores públicas e de calidade, ao SAF ou á Teleasistencia”, detallou a Deputada de Economía. Nese sentido, explicou que os Centros de Atención a Maiores dan cobertura a 300 persoas, a Teleasistencia domiciliaria coida doutras 2.000 e que mediante o Servizo de Axuda no Fogar, a Deputación coofinancia ao ano 200.000 horas de atención para preto de 2.000 usuarios e usuarias.
11,5M€ irán destinados aos Centros de Atención a Maiores, son case 700.000€ máis que o ano pasado. Uns fondos que servirán para manter en funcionamento as residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil; e para continuar avanzando nos proxectos que a Deputación ten comprometidos noutros 9 municipios da provincia. Nese sentido, destacou que 4 –Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón- abrirán a corto ou medio prazo.
27M€ de aposta pola mobilidade
A mellora da mobilidade seguirá concentrando un “importante esforzo investidor” de 27M€ por ser “o primeiro factor de igualdade territorial”. E detallou Carmela López Moreno que esa partida incluirá no 2026 a obra nova, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil. Nese sentido, valorou que a institución provincial daralle continuidade “ao mellor plan de estradas da historia da Deputación” posto en marcha este ano, baseado en criterios técnicos, “co que estamos a realizar neste 2025 máis de 100 actuacións en 52 concellos da provincia, sen distinción de cores políticas”.
Máis investimento para o Plan Deputación e 13,5M€ aos sectores produtivos
Explicou a Deputada que só a través do Plan Deputación a institución mobilizarán no 2026 22,25M€, cun incremento respecto a este ano de 250.000€, cumprindo así co acordo de Goberno de subilo nun millón de euros este mandato. Ademais destacou entre as políticas de apoio aos municipios o Centro de Innovación Territorial, un proxecto “pioneiro” que contará con 850.000€ achegados entre a institución provincial e o Goberno de España para situar o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento.
Por outra banda, a Deputación reserva para o 2026 13,5M€ a políticas estratéxicas, que terán un impacto no sector primario, o comercio, a hostaleira e o turismo. Nese sentido, a Granxa Gayoso Castro contará cun investimento de 2M€; as políticas vencelladas ao turismo, subirán ata os 3,5M€; e a área de Medio Ambiente, outros 3,5M€.
Declaración institucional polo 25N
Aprobada ademais por unanimidade unha declaración institucional polo 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Mediante este texto a Deputación reafirma o seu compromiso “firme e irrenunciable” para erradicar a violencia exercida contra as mulleres e condena todas as formas de violencia machista, incluíndo a negociación ou a súa minimización. Nun ano no que van 38 mulleres asasinadas en todo o ano en todo o Estado Español, dúas delas en Galicia, a institución provincial mostra no texto o seu apoio ás vítimas, animando á cidadanía a actuar unida, rexeitando a violencia.
O texto íntegro:
Dende o rexeitamento e condena unánime á violencia machista que sofren as mulleres, o municipalismo galego conmemora este 25 de novembro lembrando ás tres irmás activistas da República Dominicana, asasinadas e inspiradoras desta data internacional. Facémolo nas portas da nosa Deputación, pero tamén nas rúas, nas prazas, nos centros educativos e nos lugares de traballo.
Desde a Deputación Provincial de Lugo somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que continúa a ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres.
Como recolle o Convenio do Consello de Europa —Convenio de Istambul—, “a natureza estrutural da violencia contra as mulleres está baseada no xénero, e constitúe un dos mecanismos polos que se mantén ás mulleres nunha posición de subordinación respecto dos homes”. Este ano cómprense 30 anos da IV Conferencia Mundial sobre a Muller (Pequín, 1995), un fito histórico na defensa da igualdade. Alí, 30.000 persoas e representantes de 189 gobernos afirmaron que a violencia de xénero nace de pautas culturais que perpetúan a inferioridade das mulleres e que a súa erradicación é esencial para a igualdade, o desenvolvemento e a paz.
En 2025, 32 mulleres foron asasinadas no Estado polas súas parellas, dúas delas en Galicia. Ademais, tres menores foron asasinados en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 dende 2003. O último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial advirte dun incremento do 5% nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.
Por todo isto, hoxe e cada día do ano, a Deputación Provincial de Lugo manifesta a súa máis rotunda condena ante todas as formas de violencia contra as mulleres. Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela. Negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas.
Sabemos que a desigualdade estrutural segue presente nas vidas das mulleres. Os estereotipos e patróns de xénero continúan nos ámbitos da economía, da cultura, da política e do deporte, atacando o corazón mesmo da liberdade e da democracia. A súa expresión máis cruel é a violencia de xénero, alicerzada nun sistema patriarcal que perpetúa o control e a desigualdade.
Debemos erguer a voz por aquelas mulleres que atopan máis barreiras para acceder á información e á protección: mulleres con discapacidade, maiores, migrantes ou que non dominan as nosas linguas. Seguiremos traballando para garantir os seus dereitos con servizos e recursos adecuados, en condicións de plena igualdade.
Na provincia de Lugo, poñémonos a carón das vítimas e das súas familias para dicirlles que non permitirán que se vulnere o principio de igualdade nin se normalice esta violencia, un crime contra os dereitos humanos que nos empobrece como sociedade.
Contamos cun amplo marco legal, xudicial e de protección —a Lei Orgánica 1/2004, a Lei galega 11/2007 e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero— que debemos seguir reforzando tamén dende o ámbito local.
Finalmente, a Deputación Provincial de Lugo quere recoñecer o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista, animando a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a quen os ampara. Ás mulleres dicímoslles, con toda convicción: hai saída, e non están soas. Nin hoxe, nin nunca.