Deputación de Lugo
Turismo

Veciños e veciñas de oito concellos viaxan esta semana polo territorio lucense grazas ao Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
A Deputación de Lugo impulsa este programa de rutas gratuítas, no que dende hoxe e ata venres participarán uns 165 veciños e veciñas de Lugo, Monforte, Begonte, Outeiro de Rei, Portomarín, Xermade, Alfoz e Riotorto

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e a Asociación de Veciños de Ribasaltas, de Monforte de Lemos, viaxan este martes á Ribeira Sacra e á Mariña, respectivamente

Este outono son 55 as entidades que teñen reservadas as súas viaxes pola provincia e na primavera foron preto de 1.800 persoas as que se beneficiaron da iniciativa provincial

Veciñas e veciños de oito concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total unhas 165 persoas dos municipios de Lugo, Monforte, Begonte, Outeiro de Rei, Portomarín, Xermade, Alfoz e Riotorto as que, dende este martes e ata o venres, percorrerán o territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro.

Este martes, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e a Asociación de Veciños de Ribasaltas, de Monforte de Lemos, viaxan á Ribeira Sacra e á Mariña, respectivamente. As emprendedoras saíron de Lugo, con parada no Mazo de Santa Comba, antes de continuar a súa ruta cara a igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, asomarse ao miradoiro do Cabo do Mundo e facer un percorrido polo Miño nun dos catamarán da Deputación de Lugo. Os monfortinos coñeceron a Granxa Gayoso Castro da institución provincial para logo poñer rumbo a Burela, para visitar o porto pesqueiro e o barco-museo boniteiro Reina del Carmen. Desfrutarán das vistas panorámicas das praias de Foz dende o paseo marítimo e percorrerán a vila, rematando logo a viaxe visitando a basílica e o centro de interpretación de San Martiño.

Mañá mércores, a Asociación de Veciños de Montenegro de Baamonde, en Begonte, coñecerá a Granxa Gayoso Castro antes de viaxar á Mariña, e a Asociación de Veciños Ríos Miño e Ladra de Martul, en Outeiro de Rei, pararán no Pazo de San Marcos antes de continuar cara Sarria. O xoves, a Asociación de Veciños de Vilar Vilaxuste, de Portomarín, e o colectivo Amuraxe, de Xermade, serán as protagonistas do Coñece a túa provincia con viaxes a Barreiros e Ribadeo no primeiro caso, e Taboada e Chantada no segundo. Finalmente, o venres, as asociacións de veciños Pena Abaladoira O Pereiro, de Alfoz, e a de Santa Marta de Meilán, de Riotorto, viaxarán á Ribeira Sacra. Os primeiros con paradas en Sober e Monforte, e os segundos con cita no Saviñao.
Nesta segunda edición deste programa de viaxes da institución provincial, que comezou na primavera, xa se beneficiaron máis de 2.000 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata o mes de novembro. 

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.