Deputación de Lugo
Turismo

Preto de 9.000 persoas viaxaron no mes de xullo nos catamaráns da Deputación pola Ribeira Sacra

catamaráns
Este atractivo turístico provincial contribúe a dinamizar a economía en sectores como o hostaleiro ou o comercial e promove un turismo de calidade e non masificado polo que aposta a institución lucense

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo celebrou uns “datos moi positivos e que indican unha moi boa tendencia nas reservas deste servizo provincial que xa está asentado na oferta turística do sur da provincia de Lugo”

As viaxes en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra atraeron a preto de 9.000 persoas durante o mes de xullo, consolidándose como un atractivo turístico de primeira orde para os visitantes desta comarca e da provincia. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou deste datos, que cualificou como “moi positivos”. 

Durante o período estival, a viaxe polo Canón do Sil conta con cinco frecuencias horarias e, no caso da ruta Cabo do Mundo, fanse tres viaxes diarias. En ambos casos, coincidindo co verán hai percorridos de luns a domingo en horario de mañá, tarde e noitiña. “Estamos notando unha tendencia á alza de viaxes en pequenos grupos, con familia e amigos, pero tamén un gran incremento de pasaxeiros internacionais”, destacou a Deputada.

Este ano a temporada botou a andar na ponte de San Xosé. “As rutas fluviais favorecen á proxección da Ribeira Sacra, e son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo de calidade, proximidade e non masificado. O visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”, destacou a Deputada.

García Porto apuntou que a previsión para os vindeiros meses é moi boa. “Para esta fin de semana as prazas están cunha alta porcentaxe de reservas, pero é tamén unha tendencia que vimos notando ata finais de tempada, con preto dun 40% das prazas xa reservadas”, adiantou a Deputada.

Rutas, reservas e horarios

A Deputación de Lugo estreou esta temporada unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web https://reservas.rutasembalses.es.

Esta edición mantéñense a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, e que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada, tamén cunha duración aproximada de 2 horas. 

O horario das viaxes mantense en ambas rutas ata o mes de setembro. Na ruta do Canón do Sil, a partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro. No caso da Ruta Cabo do Mundo, a partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

As dúas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes todos os días do 3 ao 11 de decembro.