Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia obras na vía que une no Saviñao os núcleos do Torno e Gorgonzo cun investimento de 176.000€

O Saviñao
Rede provincial de estradas
A institución provincial renova estes días un treito de preto de 4 quilómetros da LU-P-5811, entre os puntos quilométricos 0 e 3,816. Unhas obras que consisten na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización

Estas actuacións son de gran relevancia social, non só polo investimento económico, senón tamén porque esta estrada é a que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello

A Deputación de Lugo vén de comezar esta semana os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-5811, que une os núcleos do Torno e Gorgonzo no municipio do Saviñao. Unhas obras nas que a institución provincial inviste preto de 176.000€.

Con este proxecto renóvase un treito de preto de 4 quilómetros, dende os puntos quilométricos 0 e o 3,814. Unhas obras que consisten na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización con marcas reflexivas brancas e a colocación de novos sinais. O prazo de execución é de 9 meses.

A institución provincial resalta a importancia dos traballos, non só polo investimento económico, senón tamén porque esta vía é a que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao. Precisamente, a mobilidade é unha das grandes liñas de actuación que impulsa a Deputación de Lugo como unha prioridade á que dedica un terzo do Orzamento anual. Un esforzo económico que se ve respaldado por outras colaboracións que establece a Deputación cos concellos para adecentar vías municipais a través do Plan Único e doutros acordos, e a colaboración que se fai con outras administracións.