Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación toma a iniciativa na protección da Torre de Caldaloba coa adquisición da metade da fortificación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
patrimonio
TORRE DA CALDALOBA
Maite Ferreiro anunciou a compra dunha parcela de case 2 hectáreas como primeiro paso para acceder a totalidade da propiedade

O obxectivo é desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor deste ben patrimonial, datado no seculo XIV

 A Vicepresidencia da Deputación de Lugo dá un paso adiante na protección da Torre de Caldaloba, na parroquia de Pino, en Cospeito, coa adquisición dunha das parcelas nas que se ubica a construción, datada no século XIV e  considerada Ben de Interese Cultural desde 1994.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou este mediodía nun encontro con representantes culturais a carón da Torre que "tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade dos terreos e de conversas coas persoas titulares, este venres levaremos á Xunta de Goberno a proposta de compra da parcela na que se sitúa a parte mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, así como o acceso principal"

Maite Ferreiro destacou que por primeira vez unha administración dá un paso firme na protección da Torre da Caldaloba, avanzando na súa incorporación ao patrimonio público co obxectivo de desenvolver un proxecto de recuperación e posta en valor desta construción de grande interese histórico e simbólico para Galiza.

Segundo o levantamento topográfico realizado para a adquisición, a parcela mercada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo conta cunha superficie de 19.596 metros cadrados e inclúe a metade da Torre -53 metros cadrados de planta- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos escavados no perímetro da edificación. Tamén un pozo artesán de 5 a 7 metros de profundidade e o acceso principal: un camiño rural, pertencente a unha rede de camiños nunha zona de concentración parcelaria, de 160 m de lonxitude, cun tramo duns 2,50 metros de ancho.

A responsable provincial lembrou que expertos en patrimonio e colectivos culturais levan anos advertindo do deterioro da estrutura  e reclamando a titularidade pública da edificación sen ningunha resposta por parte da Xunta de Galiza, á que corresponde a protección do patrimonio. “Actuamos para evitar que a estrutura sufra danos irreversibles, ante o desleixo de maís de vinte anos por parte da Xunta de Galiza, que se limita a facer anuncios sen concreción ningunha mentras o deterioro da Torre avanza”

Maite Ferreiro avanzou que "a intención da Vicepresidencia da Deputación é acadar, en canto sexa posible, a propiedade da totalidade da Torre e da súa contorna de protección coa adquisición da parcela colindante", concretando que "xa se ten feito algún contacto coa  propiedade para acadar un acordo; de non ser posible estudaríanse outras vías de actuación".

A vicepresidenta da Deputación de Lugo subliñou “o traballo realizado polas asociacións patrimoniais e culturais para que este símbolo da nosa historia non caera no esquecemento e se estudase e divulgase” e fixo un chamamento á colaboración entre administracións para avanzar no proxecto de protección, consolidación, recuperación e posta en valor da Torre.

Características construtivas e historia de Caldaloba

A Torre de Caldaloba ou de Vilaxoán data do século XIV e forma parte dos restos da Torre da homenaxe dun antigo castelo de época medieval. O edificio foi inventariado coa  denominación “Castelo de Caldaloba” e foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) por Decreto do 22/04/1994 coa tipoloxía de monumento. Segundo a descrición que figura na ficha de protección, que recolle datos de Manuel Vázquez Seijas,  trátase dunha construción  de planta cadrada de aproximadamente 10,20 m de lado. As paredes de cachotería de lousa, con algún bloque de cuarzo, teñen un grosor de 2,65 metros e unha altura aproximada de 25 m.

Entre os anos 1998 e 2000, a Xunta de Galiza fixo unha consolidación parcial, pero na actualidade xa conta con numerosas e importantes fendas e con perigo de derrube. Dende a derradeira intervención, ningunha administración realizou ningunha acción na Torre a pesar das incesantes demandas de colectivos culturais e da propia Vicepresidencia da Deputación de Lugo, limitándose tan só a rozar nalgunha ocasión parte do entorno; por outra banda están a proliferar as plantacións de especies como o eucalyptus nitens sen ningún tipo de control en zonas consideradas de especial protección do BIC.

Como feito mais salientable da súa historia, a Torre é situadacomo escenario no que a filla do decapitado Mariscal Pardo de Cela, Constanza de Castro, e o seu consorte Fernán de Ares resistiron preto dun ano o asedio do Gobernador dos Reis Católicos, Diego López de Haro.  Desde finais do século XV ata mediados do XIX permanece o castelo baixo diferentes xeracións de vizcondes de Altamira e posteriormente condes de Fuensaldaña. A construcción foi atacada e danada polos Irmandiños. Estudos avalan que xa en 1775 os propietarios venderon pedras dos seus escombros. A revista Suevia publica en 1916 a fotografía máis antiga da fortificación, na que se aprecia que soamente se conserva a torre da homenaxe.

Divulgación da historia de Caldaloba

Ademais de reclamar no ámbito político e institucional a recuperación da Torre á Xunta de Galicia , a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven acompañando diferentes accións de divulgación da historia da Torre de Caldaloba que levan a cabo asociacións e colectivos culturais chairegos, entre elas a xuntanza de representantes de dezanove asociacións da comarca chairega que en maio de 2021 se xuntaron a carón da torre para reivindicaren a restauración e protección da torre e do seu contorno, baixo o lema "Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a súa historia".  

Nese marco, a Vicepresidencia da Deputación editou o caderno divulgativo "Loita, resistencia e morte. Dona Constanza de  Castro toma a fortaleza de Vilaxoán" do estudoso do Mariscal Pardo de Cela Antón Xosé Meilán García (Mondoñedo, 1950), que documenta a resistencia de  Constanza de Castro ao asedio dos Reis Católicos na torre, afondando no carácter simbólico que a fortaleza ten para Galiza.