Carmela López comprométese cos gandeiros e levará ao Pleno as súas demandas fronte ao acordo con Mercosur
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, comprometeuse este xoves cos representantes do sector primario afectados polo acordo con Mercosur a levar as súas reivindicacións ao Pleno ordinario do mes de xaneiro. Así llelo trasladou no seu primeiro día de traballo ao fronte da institución provincial na reunión celebrada pola mañá na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.
López destacou durante o encontro que o Goberno provincial é moi consciente do peso específico do sector gandeiro -un piar na produción de vacún de carne e leite en España- e nese sentido, destacou que “calquera acordo comercial debe protexer aos produtores locais e comprometémonos a defender aos gandeiros lucenses por riba de calquera interese alleo ao territorio”.
Os deputados provinciais Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón participaron tamén nesta reunión, na que a Presidenta sinalou tamén que manterá o contacto cos gandeiros e agricultores afectados para ver a evolución da súa situación.