Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación participa en Pantón na XXVI Cata dos Viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra

DO Ribeira Sacra
A institución provincial ten en marcha un plan de emprego e formación para persoas desempregadas de longa duración, Reiníciate, Encamiña o teu Futuro, co dobre obxectivo de favorecer a inserción laboral deste colectivo e nutrir de man de obra cualificada a sectores con demanda, como o do viño

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este venres ao xantar da XXVI Cata dos Viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que tivo lugar en Pantón. Un evento organizado polo Consello Regulador Ribeira e no que nesta edición se presentaron un total de 84 viños pertencentes a 32 bodegas. 

García Porto felicitou ás adegas incidindo na calidade dos caldos, e puxo en valor o traballo dos viticultores da Ribeira Sacra que están “consolidando a presenza dos nosos viños nos mercados e, tamén, nas cartas de viños dos restauradores de maior prestixio”.  Explicou que “ter un sector vinícola sólido é unha riqueza en si mesmo, pero tamén favorece o turismo, a hostalería e o comercio, porque arredor do viño créase emprego e créase riqueza no rural, o que axuda a frear os desequilibrios territoriais e a fixar poboación de cara ao futuro”. A Deputada lembrou que a institución provincial ten en marcha un plan de emprego e formación para persoas desempregadas de longa duración, Reiníciate, Encamiña o teu Futuro, co dobre obxectivo de favorecer a inserción laboral deste colectivo e nutrir de man de obra cualificada a sectores con demanda, como o do viño ou o sociosanitario.