Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia a terceira edición de Lucus in Vino Veritas, que reúne bodegas de toda a Península

Lucus in Vino Veritas
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo enmarcou o respaldo a esta iniciativa no modelo de promoción do territorio a través dun turismo de calidade, de experiencias, sostible e non masificado impulsado pola institución provincial

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na presentación da terceira edición da cita vitivinícola Lucus in Vino Veritas, que se celebra este sábado, 21 de maio, no atrio da Catedral de Lugo. A Deputación de Lugo colabora con este evento cunha achega de preto de 2.000 euros para a posta en valor da actividade vitivinícola “un dos piares estratéxicos da economía lucense”, sinalou a Deputada.

García Porto destacou a importancia de colaborar en citas coma esta, que “se enmarcan no noso modelo de promoción do territorio a través dun turismo de calidade, de experiencias, sostible e non masificado, que crea valor e actividade económica na provincia”. “Dende a Deputación de Lugo impulsamos unha programación na que se atopan as rutas polo románico da provincia con motivo do Día da Transrománica, e tamén estamos desenvolvendo o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate ou o programa de viaxes Coñece a túa provincia”, recordou a Deputada. 

Lucus in Vino Veritas contará nesta edición con máis de 20 expositores nos que se poden atopar viños da Ribeira Sacra e da zona de Negueira de Muñiz, pero tamén doutras zonas de Galicia e da Península, sendo a primeira vez que participa unha adega portuguesa. Como novidade, este ano organízase unha conferencia para os adegueiros e adegueiras enfocada a un mellor aproveitamento do negocio.

Pilar García Porto felicitou aos organizadores pola iniciativa e desexoulles éxito nesta nova edición. No acto estivo acompañada da representante da organización, Isabel Lozano; a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo e Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira; o vicario xeral de la Diocese de Lugo, Mario Vázquez;  e a xefa territorial de Turismo, Paloma Vázquez.