Axenda Institucional
Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Presidente sitúa os servizos públicos, o emprego e a mobilidade como medidas esenciais fronte ao reto demográfico e demanda a revisión do financiamento local

presidente
FEMP
José Tomé Roca expuxo na mesa de traballo sobre despoboamento celebrada no marco da V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares de toda España as políticas que desenvolve dende a institución lucense en cooperación cos concellos para fixar poboación

O Presidente destacou como caso de éxito o modelo de centros públicos de atención a persoas maiores que ten implantado, co que garante unha atención próxima e de calidade e, ao mesmo tempo, crea emprego sostible e actividade económica no rural

O  Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres como poñente na mesa de traballo sobre o reto demográfico celebrada no marco da V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares de toda España que acolle a cidade de Valencia baixo a organización da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Fundación Democracia e Goberno Local. 

Neste encontro, José Tomé subliñou que para responder ao reto demográfico “temos que actuar en torno a, polo menos, tres eixos fundamentais: os servizos públicos, o emprego e a mobilidade, a conectividade do territorio”, deseñando “políticas públicas transversais para favorecer o equilibrio territorial”. O Presidente demandou ademais na súa intervención a necesidade de revisar e mellorar o financiamento local para garantir a suficiencia económicas das entidades municipais para atender as necesidades da cidadanía e, desta forma, loitar contra o despoboamento. 

Xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, na mesa sobre o reto demográfico da Conferencia de Presidencias provinciais, participaron os máximos responsables das deputacións de Huesca, Miguel Gracia Ferrer; de Ávila, Carlos García González; de Castellón, José Pascual Martí García; de Barcelona, Nuria Marín Martínez; de Soria, Benito Serrano Mata; e de Alicante, Carlos Mazón.

Servizos públicos
En canto ao piar das accións fronte ao reto demográfico vinculado aos servizos públicos, José Tomé destacou que “os elementos básicos para que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida son a sanidade, a educación, os servizos sociais e a atención aos maiores” porque “sen escolas infantís, servizos médicos, residencias e centros de día resulta imposible fixar poboación no rural”. 
O Presidente incidiu en que, “se non garantimos a universalidade e gratuidade dos servizos públicos para toda a cidadanía, estamos incumprindo o mandato constitucional e estamos poñendo a semente do abandono do rural”. “O modelo de ir estudiar á capital, ir ó médico á capital ou ingresar nunha residencia da capital é un modelo propio do século XIX, que de ningún xeito nos pode levar con éxito polo século XXI”, afirmou.

Emprego, sobre todo feminino e xuvenil
Polo que respecta ao emprego como eixo para frear o despoboamento, José Tomé incidiu na importancia de apostar sobre todo “polo emprego feminino e xuvenil” e no seu empeño por desbotar a idea de que o rural non está baleiro, senón que “está cheo de posibilidades”, destacando neste sentido que a pandemia da Covid, por exemplo, “levou a que a sociedade valore modelos de turismo e de lecer menos masificados e recuperou a importancia real dos provedores agroalimentarios de proximidade ante as grandes crises de abastecemento”.

O Presidente asegurou así mesmo a necesaria aposta “por políticas de emprego que conxuguen as posibilidades das novas tecnoloxías e o I+D universitario co acervo de saberes tradicionais que acumula o rural” e tamén polo medio ambiente, “convertido no mellor aliado dun turismo de calidade, non masificado, que valora as experiencias e tende a repetir a visita”.

A mobilidade
Como terceiro eixo para contribuír o equilibrio territorial e loitar contra o despoboamento, o mandatario provincial apuntou a mobilidade. “Para favorecer a calidade de vida da xente e para atraer investimentos, industria, emprego e turismo necesitamos garantir a mobilidade, a accesibilidade do territorio”, explicou José Tomé, quen lembrou que as deputacións soportan un coste económico de amplas redes de estradas, que no caso da provincia supera os 4.000 quilómetros, a máis extensa dunha Deputación en España. “Unha enorme rede que condiciona de modo importante os nosos orzamentos e que, en bo sentido, deberían ter quedado xa incluídas nas correspondentes redes autonómicas ou, en todo caso, recibir unha aportación financeira maior por parte do resto de administracións”.


Cooperación cos concellos

O Presidente subliñou que o apoio das deputacións aos concellos é “un facer clave” para axudar a frear o despoboamento porque “loitar contra o reto demográfico é unha tarefa custosa, en sentido literal do termo, e tamén no que se refire á planificación das estratexias. É unha tarefa que os concellos non poden asumir por si sós e que logrará poucos froitos se actúan de modo illado”. 
Neste sentido, o mandatario provincial asegurou que as “competencias impropias que a facendas locais veñen soportando dende o inicio da democracia son unha das causas da perda de poboación” porque “detrás dunha competencia impropia escóndense dous problemas. Por unha parte, a negativa da administración autonómica a asumir a prestación de servizos que lle corresponden e, doutra, o desenvolvemento necesariamente inadecuado dun servizo que os concellos non poden despregar como a cidadanía merece por falta de medios”.

O Presidente destacou que a Deputación lucense creou o Plan Único de Cooperación cos Concellos, a través do que lles garante unha aportación de fondos distribuídos con criterios públicos e obxectivos, e que, respectando a autonomía local, lles axudan a sacar adiante obras e servizos, moitos deles esenciais. Por iso, insistiu, “para frear o despoboamento do rural, temos que resolver tamén a situación da facendas locais e que as comunidades autónomas asuman o pleno desenvolvemento das súas competencias no conxunto do territorio, algo que, polo menos no caso de Galicia, non se produciu”.

Modelo asistencial aos maiores
Como caso de éxito de medidas fronte ao reto demográfico, o Presidente puxo a rede de centros públicos de atención aos maiores que está despregando a Deputación de Lugo no rural da provincia, un modelo asistencial que garante a atención próxima e de calidade e o benestar dos usuarios e usuarias e das súas familias, ao tempo que crea emprego sostible e actividade económica. O mandatario provincial xa tivo ocasión de presentar in situ ao Secretario General para el Reto Demográfico, Francesc Boya, este proxecto, que tamén xerou interese en Europa, onde “participamos xa en dúas ocasións no Cumio Europeo de Rexións e Cidades para explicar o proxecto”.

José Tomé lembrou que a Deputación ten hoxe 7 residencias públicas en marcha, con máis de 200 usuarios e usuarias e uns 180 traballadores, dos cales o 95% son mulleres, e neste ano abrirá outros dous centros máis, co que chegará ao final deste mandato con 9 residencias abertas, ademais de seguir traballando noutros 9 proxectos.

Revisión e mellora do financiamento local
O Presidente demandou na V Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares a revisión e mellora do financiamento local, “unha reivindicación que vimos liderando dende a Deputación de Lugo”. “Só se fala do financiamento autonómico, pero tamén é tanto ou máis necesario, falar da mellora do financiamento local, en dous aspectos. Primeiro, mellorar o financiamento na participación dos ingresos do Estado e, segundo, que no financiamento autonómico se estableza que unha parte dos seus recursos se transfiran aos concellos e ás deputacións para compensar as competencias impropias que vimos asumindo. Do contrario, as comunidades autónomas se convertan nun segundo centralismo”.