Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Pleno aproba por unanimidade as actuacións do Plan Único 2022, que inxectará 25M€ na provincia

plan único
O 70% dos recursos, preto de 15M€, destínanse a obras e subministracións que teñen como finalidade mellorar e acondicionar estradas, pistas e camiños, accesos a núcleos de poboación, pavimentación de vías públicas e mellora de infraestruturas en xeral

A institución provincial creará máis de 300 postos de traballo a través dunha das liñas máis importantes do plan, que axuda a que se asente poboación no rural e a veciñanza poida permanecer nos municipios nos que reside

A achega da Deputación para o Servizo de Axuda no Fogar fai posible que os concellos atendan a máis de 3.000 persoas nas localidades de menos de 20.000 habitantes

Ademais o Pleno aprobou dúas modificacións orzamentarias para a incorporación de 10,4M€ de remanentes para acadar os 21,5 millóns cos que está dotado en total o Plan Único 2022 e 3,3M€ para reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo

A Corporación provincial aprobou por unanimidade, no Pleno extraordinario celebrado este martes, a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2022, e que suporán unha inxección de preto de 25M€. Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán 14,6M€ para acomete obras e subministracións-; seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€ cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. As entidades locais dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da pandemia.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que este é o segundo ano consecutivo no que tanto as bases como as actuacións do Plan Único saen adiante con tanta antelación e destacou que é moi importante porque “permite aos concellos planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión, co que aproveitan mellor os recursos”. “Con el, melloramos a calidade democrática e os concellos contan con autonomía para decidir a que destinan estes fondos”, manifestou. Engadiu que co Plan Único 2022 a Deputación axuda aos concellos “en todas as materias que son da súa competencia como o arranxo de vías municipais, creación de emprego ou o Servizo de Axuda no Fogar e que en moitas ocasión teñen dificultades para desenvolver por eles mesmos”.

García Porto asegurou que o Plan Único, o principal instrumento de cooperación da Deputación cos concellos, amosa a capacidade de xestión da institución para poñerse ao servizo das entidades locais. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son pequenos e por si sós non son capaces de afrontar moitos investimentos”, explicou. 

Subliñou, así mesmo, que o Plan Único é unha garantía de ingresos anticipados que non só é importante para os concellos, senón que tamén serve para mover a economía da provincia dando traballo a moita empresas da provincia e, en consecuencia, ingresos para moitas familias.  

“Seguimos gobernando con obxectividade e resulta incomparable con calquera goberno de Galicia onde goberna o Partido Popular”, afirmou, unha obxectividade que radica na posta en marcha de liñas de axudas de subvencións en concorrencia competitiva nas áreas de Turismo, Medio Ambiente, Deportes ou Cultura. “Traballamos con obxectividade e transparencia, tamén nas nosas políticas de xestión da rede provincial de estradas, nos centros de maiores ou en materia de Emprego”. 

Preto de 15M€ para obras e subministracións

Do importe total do Plan Único, preto de 15M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 562 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia. Estas actuacións servirán para renovar pavimentos de vías, pistas e camiños municipais, acometer redes de abastecemento de augas, mellora do alumeado público para facelo máis eficiente e dotar de novos puntos de luz a diferentes parroquias da provincia, mantemento e creación de parques e xardíns, realización de plans de ordenación de tráfico e estacionamento, contribuír á accesibilidade en vilas e parroquias, mellorar instalacións deportivas ou dotar aos concellos doutras novas e, en definitiva, á atención de necesidades que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas. 

3,5M€ para crear emprego

En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,5M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e afrontar así o reto demográfico, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades. En total, grazas ao Plan Único da Deputación, vanse crear 300 postos de traballo moi diversos, como peóns, arquitectos, socorristas, monitores turísticos, administrativos, enxeñeiros forestal ou conserxes, entre outros.

3,2M€ para axuda no fogar

En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Recibirán máis de 3,2M€, cos que poderán atender a máis de 3.000 veciños e veciñas esta prestación social, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados e necesarios. En cada caso, realízase unha valoración técnica que dita que tipo de actuacións é necesario levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atención de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.

O SAF, á súa vez, é un servizo que xera un gran volume de emprego nas distintas localidades da provincia. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación. 

200.000€ para medidas Covid

Así mesmo, o Plan Único recolle nesta anualidade a liña que se creou no 2020 para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos derivados da pandemia da Covid-19. En total, os concellos decidiron destinar neste ano 2022 máis de 200.000€ para esta finalidade, co que poderán mercar material de protección, conceder axudas directas a autónomos e empresas ou lanzar programas que contribúan a paliar os efectos e consecuencias da pandemia na súa localidade. 

Por outra banda, ao abeiro do Plan Único, os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 149.264€ para o total dos municipios, entre os que destacan a Festa da Faba de Lourenzá; rutas xeolóxicas en Burela; a promoción da castaña no Courel; o impulso do proxecto Gumiralia, do Concello da Pobra do Brollón, ou entre outras, a promoción de localidades coma Monforte de Lemos e O Vicedo.   

Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 179.102,93€ no seu conxunto, superando a cantidade destinada en anos anteriores (145.000€ no ano 2021, 140.000€ na anualidade 2020 e 105.000€ no 2019).  Un total de 15 concellos da provincia contemplan fondos para esta finalidade. 
 
O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a 14.500€. 

En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 115.447€, unha cantidade que medra de xeito significativo respecto anualidades anteriores, nas que a pandemia impediu a celebración de eventos que congregasen a grandes grupos de persoas. A Deputación colabora así con algún dos eventos máis importantes da provincia como a Feira do Butelo da Fonsagrada; a cita co Pemento de Mougán e da Feira de Grelos en Guntín; a Feira do Queixo e do Gando de Pedrafita do Cebreiro ou a Feira do Viño de Amandi de Sober. 

Pola súa banda, en actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións ou eventos que se celebren no ano 2022, o orzamento ascende a máis de 400.000€. 

A Deputación fomenta, así mesmo, o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de preto de 220.000€ van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva.  

Autonomía e responsabilidade municipal

Co Plan Único, o principal instrumento de cooperación cos concellos da institución provincial, a Deputación de Lugo dá resposta a situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía xa que son eles os que deciden en que e como gastar as achegas. 

O Plan Único de Cooperación cos Concellos garante a distribución de fondos públicos con total transparencia e con criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, un feito que favorece a equidade e o desenvolvemento equilibrado da sociedade e do territorio.  Ademais, establece unha contía máxima de 500.000€ e mínima de 200.000€, en función destes criterios, para blindar o financiamento daqueles concellos máis pequenos. 

Este programa é a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os concellos, multiplica os resultados. A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión social e territorial dos 67 concellos de Lugo a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas.

13,7M€ de remanentes

O Pleno tamén sacou adiante por unanimidade a modificación do orzamento da Deputación vía transferencia e suplemento de crédito para o Plan Único 2022, e tamén vía suplemento de crédito, neste caso cos votos a favor de  PSdeG e o BNG e o voto en contra do PP. Desta maneira, incorpóranse remanentes de tesourería ao Orzamento 2022 da Deputación de Lugo por importe de 13,7M€.  Deles, máis de 10,4 destinaranse ao Plan Único 2022 co fin de que acade unha dotación económica por un total de 21,5 millóns e 3,3 millóns estarán dedicados a reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia “co fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego, algo especialmente importante no contexto de crise que vivimos para axudarlles a afrontar o impacto da pandemia, a guerra de Ucraína e a crise enerxética”, subliñou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.