A Deputación inicia obras na estrada LU-P-5207que une o núcleo urbano de Ribadeo con Vilela
A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-5207, que é a que conecta o núcleo urbano de Ribadeo con Vilela. As obras teñen un orzamento de preto de 300.000€ e afectan ao tramo que vai desde Seixadelo, na parroquia de Ove, ao enlace coa LU-133 en Vilela; desde o quilómetro 3,400 ao 6,277.
Os traballos comezaron esta semana coa reapertura de cunetas e nas vindeiras semanas continuarán coa mellora do firme mediante aglomerado en quente, e renovación da sinalización mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e reposición da sinalización vertical. O prazo de execución será de mes e medio unha vez iniciados os traballos dos que se encargará a empresa Construcciones Isidro Otero SL.
A mellora desta estrada é relevante porque constitúe unha arteria fundamental para a conexión entre o centro de Ribadeo e as parroquias rurais, mellorando os desprazamentos diarios da veciñanza, o acceso a servizos básicos, e o transporte de mercadorías e produtos agrícolas. Ademais, esta estrada tamén serve como vía de acceso a espazos naturais e turísticos de interese no concello.