Deputación de Lugo

A Deputación participa nos actos de conmemoración do bicentenario da provincia de Villafranca del Bierzo

villafranca del bierzo
A presenza do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, nas actividades organizadas en torno á efeméride deu conta das boas relacións existentes entre as dúas comunidades

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asistiu este xoves aos actos de conmemoración do bicentenario da provincia de Villafranca del Bierzo organizados polo consistorio da localidade leonesa. A presenza da Deputación de Lugo, que formou parte do comité de honra das autoridades desta efeméride histórica, deu conta das boas relacións existentes entre as dúas comunidades.

Rivera Capón tomou parte na inauguración e visita da exposición Bicentenario da provincia de Villafranca del Bierzo e tamén no acto de descubrimento dunha placa do bicentenario na fachada da igrexa de San Nicolás El Real, antiga sede da Deputación provincial. Actos culturais para celebrar que o 27 de xaneiro de 1822 as Cortes españolas aprobaron por decreto a creación da provincia de Villafranca, coa capital en Villafranca del Bierzo. Unha división administrativa que durou dez anos, quedando logo as súas localidades integradas nas provincias de León, Ourense e Lugo.

O Deputado de Promoción Económica e Social puxo de manifesto que as provincias de Lugo e de León manteñen “unha relación de colaboración institucional fluída e cordial, marcada polo desexo de traballar en beneficio da cidadanía, e de estar á altura das boas relacións de veciñanza que Galicia e León mantiveron ao longo da historia”.

Mostra diso é, por exemplo, a colaboración para atender incidencias por neve e xeo que a Deputación de Lugo presta na parte leonesa de estradas dos Ancares, por exemplo ao seu paso polo concello de Candín.