Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia programa quince encontros coa Apalpadora para nenas e nenos en diferentes comarcas

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
APALPADORA
ANTÍA VÁZQUEZ
A iniciativa, que conta coa colaboración de asociacións de nais e pais, promove a presenza de tradicións propias na representación do Nadal

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo poñerá en marcha un programa de visitas da Apalpadora a distintos concellos, co obxectivo de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal e ofrecer a nenas e nenos unha proposta de lecer en galego nestas datas.

A narradora Antía Vázquez, acompañada polo músico André Espiñeira, será a encargada de presentar as crianzas esta personaxe e as lendas e ritos que a rodean e que perviviron na memoria da xente do Courel e do oriente ourensán permitindo que, desde hai algo máis dunha década, asociacións e colectivos culturais popularizasen a súa figura.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “con esta programación seguimos contribuíndo á dinamización cultural en distintas concellos” e agradeceu “a colaboración das asociacións de nais e pais que colaboran coa área de Cultura para dispoñer de localizacións para o espectáculo e difundir a iniciativa”.

Desde o vindeiro xoves, 16 de decembro, e ata o 4 de xaneiro,  a Apalpadora visitará Cospeito, Lugo, Becerreá, Guitiriz, A Pastoriza, O Corgo, Sarria, Cervo, Viveiro, Xermade, O Saviñao, Pantón, Palas de Rei e Mondoñedo.

O espectáculo

A filla do coñecido Apalpador toma o relevo e baixará das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas.

Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia.  Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal.

Calendario Visitas Apalpadora