Deputación de Lugo

A Deputación felicita aos novos graduados en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais do Campus Terra

Deputación de Lugo
Graduación
O Deputado de Recursos Sostibles participou no acto de graduación das alumnas e alumnos da sétima e oitava promoción deste grado que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias de Lugo

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este venres na graduación das alumnas e alumnos da sétima e oitava promoción do Grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais do Campus de Lugo, un acto celebrado no salón de actos da Facultade de Ciencias. O Deputado felicitou ao estudantado “por rematar con éxito esta etapa formativa, mesmo nunhas condicións complexas como as que provocou a pandemia”.

Fernández Rico subliñou que “a Universidade pública é unha grande ferramenta de transformación social a través do ensino, da investigación e da transferencia de coñecemento”. “Dende a Deputación apostamos sempre por apoiar o ensino público superior como un sinal de identidade da nosa provincia e por favorecer a colaboración entre a universidade, a administración e o tecido produtivo. Esta interrelación axúdanos a avanzar cara a modernización do sector agrogandeiro, un pilar fundamental da economía da nosa provincia; mellorar as  explotacións gandeiras e a produción láctea; ou contar con profesionais da veterinaria ou a enxeñería internacionalmente recoñecidos e apreciados polo mercado laboral”, asegurou o Deputado.