Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

O modelo Allariz ou o aproveitamento multifuncional do monte no Barbanza na segunda xornada de “O que non arde”, organizada por Medio Rural

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
O QUE NON ARDE
DESENVOLVEMENTO RURAL
O encontro, que se celebra en Casa Quindós, continuará mañá con relatorios centrados no gando cabrún como alternativa para o aproveitamento do monte

A exposición de iniciativas comunitarias e políticas municipais de desenvolvemento rural centraron a segunda xornada do encontro “O que non arde”, organizado pola área de Medio Rural en Casa Quindós, o espazo rehabilitado polo cineasta Óliver Laxe en Vilela, en Navia de Suarna.

As primeiras intervencións correron a cargo de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, na comarca do Barbanza, que fai unha clara aposta polo aproveitamento multifuncional do monte incorporando, nos últimos anos, a venda de leña ou a produción resineira, e Antonio R. Corbal, do CDR O Viso, no concello de Sarreaus, na comarca da Limia, que centra a súa actividade na prestación de servizos sociais e educativos á comunidade.

Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre iniciativas de desenvolvemento rural nos concellos, na que interviron Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz,  un modelo de desenvolvemento local na Galiza interior, e o alcalde da Veiga, Juan Anta.

Na xornada de tarde, Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, afondou no funcionamento e obxectivos destas entidades encargadas da xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural. Mentras que Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa, que conta con 215 gandeiros e gandeiras asociadas e que se ten convertido nun referente na comercialización de carne criada en extensivo.

Tras os relatorios, as persoas asistentes puideron ver unha demostración de maquinaria de desbroce en altura e afondar no coñecemento da zona cunha visita ao Castro do Teso da Ermida.

A actividade en Casa Quindós continúa mañá coa VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF),  na que se abordarán as oportunidades que ofrece o gando cabrún como alternativa de aproveitamento do monte nos Ancares.