Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Presidente reúnese co Delegado do Goberno en Galicia para seguir traballando pola provincia

delegación do goberno
infraestruturas
José Tomé subliñou que, “despois de anos de total abandono, o actual Goberno de España situou de novo á provincia de Lugo na axenda política do progreso. Duplicou os fondos para infraestruturas no Orzamento deste ano e disparou o investimento en materia ferroviaria, para o que hoxe ten mobilizados 546M€”

José Tomé recibiu no Pazo de San Marcos a José Manuel Miñones, con quen mantivo un encontro no que lle trasladou a necesidade de seguir avanzando na execución da A-54 de Lugo a Santiago, da A-56 de Lugo a Ourense, na A-76 de Monforte a Ourense e tamén na creación dunha Autoridade Portuaria propia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes ao Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, un acto institucional que aproveitaron para manter tamén unha reunión para seguir traballando pola provincia. Nesta primeira visita oficial de Miñones ao Pazo de San Marcos desde que asumiu o cargo,  na que firmou no Libro de Ouro da institución provincial, participaron tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

“Despois de anos de total abandono, o actual Goberno de España situou de novo á provincia de Lugo na axenda política do progreso”, subliñou Tomé Roca nunha rolda de prensa celebrada para dar conta da reunión que mantivo co Delegado do Goberno, que enmarcou no “interese e compromiso coa provincia de Lugo que ofrece e practica o Goberno de España, pero que eu boto en falta por parte da Xunta de Galicia”, asegurou o Presidente, lembrando que “dende que comezou a pandemia, o Presidente do Goberno galego non me chamou nin unha soa vez. Non chamou nin se reuniu unha soa vez cos presidentes das deputacións ou cos concellos para compartir información e traballar conxuntamente. Dende logo, esta non é a cogobernanza que debe darse entre administracións que traballan con lealdade”.

José Tomé explicou que o “abandono total da provincia durante os gobernos de Rajoy non é unha opinión ou crítica partidista. É a realidade, como constata o contundente informe de fiscalización elaborado polo Tribunal de Contas sobre as obras do AVE entre 2014 e 2017, que asegura que nesta época, que foi cando se rompeu o contrato para a Estación Intermodal de Lugo, só se executou o 49% do orzamento previsto e, literalmente, fala de planificación nula ou inconsistente e de xestión particularmente caótica”.

“Afortunadamente”, asegurou o Presidente, “a provincia de Lugo, Galicia e España deixaron esta etapa atrás gracias ó Goberno de Pedro Sánchez”, que “duplicou os investimentos en materia de infraestruturas nos Orzamentos do 2021 con respecto aos de 2019, pasando de 52 a 104M€, e que, como comprobamos case cada día, disparou o investimento na modernización do tren na provincia, tendo mobilizados a día de hoxe  546M€ para a mellora da rede ferroviaria”.

Infraestruturas

Para seguir traballando polas “infraestruturas e os proxectos pendentes que consideramos esenciais para o desenvolvemento do tecido social e económico da provincia”, José Tomé trasladoulle ó Delegado do Goberno en Galicia a “necesidade de seguir avanzando na execución da autovía Lugo-Santiago (A-54), na que xa queda un treito relativamente pequeno con respecto ao conxunto do traxecto, e de continuar dando pasos na construción da autovía Lugo-Ourense (A-56), actuacións que permitirán que Lugo estea comunicada co resto de capitais de Galicia a través de autovía”.

Tamén destacou a necesidade de seguir avanzando na elaboración dos proxectos dos tramos da A-76 (Monforte de Lemos-Ourense), “que comunica a Meseta co interior de Galicia e coa que adquire un protagonismo importante a capital da Ribeira Sacra como nudo de distribución do tráfico rodado e para todo o sur da provincia”. “A Ribeira Sacra, como destino turístico en alza e como candidata a Patrimonio da Humanidade, precisa dunhas boas vías de comunicación para dar a coñecer o seu patrimonio e convertelo en fonte de desenvolvemento sostible de cara o futuro”, afirmou.

O Presidente da Deputación de Lugo tamén trasladou ó Delegado do Goberno “a reivindicación histórica de crear unha Autoridade Portuaria propia para a provincia. Sei que é difícil, pero os lucenses non podemos renunciar a esta vella aspiración como provincia”.

“Lugo é hoxe a única provincia con fachada marítima e porto de interese xeral que carece de Autoridade Portuaria”, lembrou José Tomé, “unha entidade que é fundamental para impulsar a pesca e tamén a actividade económica das nosas empresas abrindo novas oportunidades de negocio, especialmente nun momento na que a actitude da multinacional Alcoa segue a comprometer o desenvolvemento da Mariña”.

O Presidente mostrouse convencido de que “a boa sintonía e a relación directa e fluída que mantemos dende a Deputación coa Delegación do Goberno vai continuar co traballo de José Manuel Miñones, que, ademais, pola súa traxectoria como Alcalde, entende moi ben a importancia do municipalismo e a necesidade de poñer a política ó servizo das persoas”.