A Deputación apoia as audioguías ficcionadas para mellorar a experiencia turística na Mariña

A Deputada Mayra García puxo en valor este proxecto da Mancomunidade da Mariña, que “casa co modelo de turismo sostible, non masificado e que pon o acento na experiencia do visitante no que traballamos desde a institución provincial”
Esta experiencia, dispoñible en varios idiomas nos concellos de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Lourenzá e Alfoz, pode descargarse gratis na web da Mancomunidade ou alugarse xunto a auriculares illantes nas oficinas de turismo por un prezo de 2€
A Deputación de Lugo apoia as audioguías ficcionadas que se presentaron este sábado no salón de actos do Concello de Lourenzá e que axudarán a mellorar a experiencia turística dos visitantes en varios concellos da comarca mariñana. Relatos dramatizados para conseguir un paseo con intervención de recursos documentais, literarios, mapas sonoros, músicas ou entrevistas cun enfoque diferenciado que busca a implicación emocional do visitante para ofertar unha experiencia única nos concellos de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Lourenzá e Alfoz.
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou esta mañá na presentación deste proxecto, xunto a Francisco Cajoto, presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e Alcalde de Foz; Rocío López García, Alcaldesa de Lourenzá; Jorge Val Díaz, Alcalde de Alfoz; Paloma Vázquez Fernández, xefa de área provincial de Turismo de Galicia; e Xesús Ron, director do proxecto.
“Dende a Deputación de Lugo traballábamos, xa antes desta crise sanitaria, nun modelo de turismo sostible, non masificado, que pon o acento na experiencia de cada visitante. Un turismo que aposta polo patrimonio, pola gastronomía, pola natureza e pola cultura”, apuntou García Bermúdez. A Deputada engadiu que este enfoque, compartido co que ten a Mancomunidade da Mariña, “permítenos sacar aínda máis partido ás moitas potencialidades que temos como destino turístico”.
Neste sentido, a Deputada salientou que “agora cando viaxamos buscamos vivir experiencias, implicarnos co que estamos coñecendo. E nese contexto, estas audioguías casan moi ben co que a xente está buscando”. Explicou que este é “un produto de calidade, personalizado e adaptado non só á xente, senón tamén a cada municipio”.
As audioguías ficcionadas, que xa estaban en marcha en Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro, poden desfrutarse agora en Alfoz e Lourenzá.
Paseos de menos de 50 minutos
As diferentes historias sonoras que se presentaron este sábado en Lourenzá duran menos de 50 minutos, están interpretadas polo grupo de teatro Chévere e serven para transmitir o patrimonio e a idiosincrasia dos municipios mariñanos. Poden desfrutarse de xeito individual, en parella ou en grupo. Están dispoñibles en galego, castelán, inglés e francés, e poden reproducirse ou descargarse gratuitamente nos dispositivos móbiles, MP3 ou MP4 desde a páxina web da Mancomunidade mariñana: amarinalucense.gal
Para gozar da experiencia ao máximo, os creadores recomendan auriculares illantes, que aproveitan mellor o son envolvente. Desde este sábado, as oficinas de turismo locais -situadas sempre próximas ao lugar de inicio da ruta- terán dispoñibles este tipo de cascos, que se poderán alugar coa audioguía a un prezo de 2€. Agás en Viveiro, os nenos e nenas de menos de 12 anos terán acceso a esta experiencia gratis.