Deputación de Lugo
Turismo

O Festival Internacional Pórtico do Paraíso celebrarase por 1ª vez na provincia grazas ao apoio da Deputación con 12.000€

Ribeira Sacra
Festival Internacional Pórtico do Paraíso
turismo
- O certame de música sacra, que chega á súa 13ªedición, desenvolverase entre os días 6 e 15 de marzo en diferentes enclaves arquitectónicos galegos, facendo parada na Ribeira Sacra, o lugar con maior concentración do románico rural de Europa
- O Presidente anunciou que, froito da colaboración da Deputación, dous dos concertos terán lugar en enclaves de gran valor patrimonial da provincia, como a igrexa de Santa María de Régoa de Monforte e a de Santo Estevo de Ribas do Miño, no Saviñao
- “Esta iniciativa súmase ao noso obxectivo prioritario de impulsar o turismo, e con isto, a actividade económica, e supón un paso máis na suma de esforzos para consolidar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”, subliñou José Tomé

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, presentou esta mañá en Monforte de Lemos, anunciou este mércores que este ano, por primeira vez, o Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso celebrarase tamén na provincia de Lugo grazas á achega económica de 12.000€ que fará a institución provincial coa organización. Deste xeito, despois de 12 edicións celebrándose só en Ourense, nesta 13ª edición, este evento de primeiro nivel terá lugar tamén na provincia.

No acto de presentación desta colaboración, Tomé Roca compareceu xunto á Deputada de Réxime Interior e Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, o presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do festival, Juan José Enrique Miguéns, e a coordinadora do evento, Conchi da Silva. 

“Dende a Deputación de Lugo decidimos colaborar con este festival pola súa idea de unir o mellor da música clásica e o mellor do patrimonio arquitectónico, e que mellor lugar para facelo que na Ribeira Sacra, o lugar de maior concentración do románico rural de Europa”, sinalou o Presidente. 

Os dous concertos que se celebrarán na provincia de Lugo terán lugar no Saviñao e en Monforte de Lemos. O 7 de marzo teremos a ocasión de escoitar a arpa de Andrew Lawrence-King nunha das xoias do románico máis importantes que temos en Galicia, a  igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, que é tamén un dos principais monumentos de orixe medieval da Ribeira Sacra”. Ademais, o venres 13 de marzo, cando o trío Kosmos Ensamble tocará na igrexa de Santa María da Régoa, onde violín, viola e acordeón poñerán banda sonora a unha das pegadas románicas que temos na Ribeira Sacra”, adiantou Tomé Roca.

A Escolanía de Segovia actuará o día 6 de marzo no Templo da Vera Cruz, no Carballiño; José Manuel Álvarez tocará o violín na Igrexa de Santo Anxo, en Ourense, o día 8 de marzo; e Víctor Villagandos dará un concerto no Liceo de Ourense o 15 de marzo. 

O Presidente agarda que se dean as circunstancias para continuar con esta colaboración que se inicia este ano porque “esta iniciativa súmase ao noso obxectivo prioritario de impulsar o turismo, e con isto, a actividade económica, a través da promoción do noso patrimonio monumental e paisaxístico”. 

Promoción do territorio
O Presidente da Deputación adiantou que “esta é unha gran oportunidade para continuar apoiando a internacionalización da Ribeira Sacra e un paso máis na suma de esforzos para consolidar a súa candidatura como Patrimonio da Humanidade, que esperamos que sexa unha realidade no ano 2021”. Tomé Roca lembrou que foi a Deputación de Lugo a que iniciou no 2011 un movemento institucional e social en apoio da Ribeira Sacra para que sexa recoñecida pola UNESCO como ben mundial e que logo, un movemento ao que logo se sumaron outras institucións, como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

Nesta idea incidiu a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo. “Oito anos despois seguimos traballando coas mesmas forzas para que este pequeno anaco de paraíso no interior de Galicia sexa declarado Patrimonio da Humanidade, e cremos que esta é unha boa forma de facelo”. García Porto subliñou que este Festival Internacional Pórtico do Paraíso é unha boa iniciativa para avanzar cara outros dos obxectivos prioritarios para a Deputación que pasan por “impulsar o turismo a través da promoción do territorio e achegar valor engadido ao Camiño de Inverno”.