Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación contrata con 1,8 millóns as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica na residencia da Fonsagrada

a fonsagrada
Residencias
Xunta de Goberno
Son os fondos para 4 anos. Resultou adxudicataria As Rodas, entidade da Fonsagrada, liderada por 2 mulleres da zona, que actualmente se encarga do funcionamento das vivendas comunitarias que hai neste municipio

O centro de maiores da Fonsagrada está pendente de que a Xunta de Galicia conceda o PIA necesario para iniciar a súa actividade. Este solicitouse en setembro de 2015

Aberta a solicitude das 200 prazas dos centros de Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada. Hoxe hai 75 rexistradas. Todos os interesados poden dirixirse aos servizos sociais destes Concellos e da Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, informou sobre a aprobación na Xunta de Goberno deste venres da contratación das prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica para a residencia e centro de día da Fonsagrada.

O orzamento provincial destinado é de 1,8 millóns de euros para 4 anos. A adxudicataria resultou ser As Rodas, entidade da Fonsagrada, liderada por 2 mulleres da zona, que actualmente se encarga do funcionamento das vivendas comunitarias que hai no municipio fonsagradino. Garante experiencia, así como coñecemento do territorio da Montaña e da súa poboación. Ofrece melloras como as seguintes: 78  horas mensuais de actividades para os maiores; atención especializada en áreas como nutrición, respiración, hidratación, hixiene persoal, mobilidade, traslados...; sesións gratuítas de podoloxía, peluquería ou barbería; menús adaptados a cada maior por nutricionistas; pratos elaborados con produtos da tempada, con certificación de orixe e mercados en establecementos da zona; pratos especiais en aniversarios, celebracións, visitas de familiares que poderán comer cos seus maiores...; servizo de limpeza continúa, con produtos respectuosos co medio ambiente, reciclaxe...; ou a prestación dun servizo de lavandería tamén continuo e que inclúe traballos de xastrería gratuítas...

O centro de maiores da Fonsagrada ofrece 54 prazas: 28 de residencia e 20 de centro de día. Está á espera da concesión do Permiso de Inicio de Actividade (PIA) por parte da Xunta de Galicia. Este solicitouse en setembro de 2015. Hai 3 semanas, a Deputación volveu a remitir á Xunta de Galicia máis documentación para a súa concesión.

“O que desexo é, como dicía o Presidente, que esta residencia se abra canto antes. Espero que os cidadáns saiban ver precisamente quen está a favor de dar eses servizos básicos, necesarios, esenciais e improrrogables dentro do Concello da Fonsagrada, e quen pon os paus nas rodas para que isto non se abra. Eu, persoalmente, non entendo este tipo de planteamentos. Aqueles aos que nada lles costa, aos que teñen competencias en  servizos sociais, aos que se lles facilita todo, construíndo un centro de maiores dende Deputación e Concello e ofrecendo un modelo de xestión pioneiro, único, moi social e en beneficio dos veciños que máis o necesitan..., non endento porque non suman en lugar de restar. As eleccións son o 26 de maio e a partir desta data seguro que o horizonte vai a cambiar porque o único que pretenden con todo isto é ter réditos electoralistas nun Concello, como o da Fonsagrada, no que é fundamental que a residencia teña un signo ou outro. Esperamos que a residencia siga co signo que ten que ter independentemente deses paus nas rodas ata as eleccións: que sexa para todos os maiores da Fonsagrada e das zonas limítrofes que tanto o necesitan”.

Aberto o prazo de solicitude das prazas de 4 centros. Hoxe hai 75 rexistradas
Segue aberto o prazo de solicitude de prazas para os centros de maiores de Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada, que ofertan 200 prazas. A día de hoxe, hai rexistrada 75 solicitudes. Todos os interesados poden facer a súa solicitude ou pedir información, dirixíndose aos servizos sociais deste Concellos ou da Deputación. Teñen prioridade de acceso primeiro os veciños do municipio onde se sitúa o centro, logo da Comarca e seguidamente lucenses en xeral. O prezo da praza establécese en función da capacidade económica de cada usuario, quedándolle libre o 25% dos seus ingresos para o seu día a día. A Deputación financia as prazas aos lucenses cun máximo de 600 euros –se fose necesario cunha cantidade maior nos Concellos de menos de 5.000 habitantes- para garantir aos maiores da provincia o acceso universal ás mesmas.