Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

32 lucenses con capacidades diferentes participarán na Liga Genuine, co apoio do CD Lugo e a Deputación

Igualdade
deporte
O voceiro do Goberno e os Deputados de Benestar e Deportes, xunto aos Concelleiros de Igualdade e Deportes de Lugo, e as Concelleiras de Servizos Sociais de Viveiro e Monforte presentaron esta iniciativa social coa que colabora o Executivo

Trátase dunha liga pioneira para persoas con discapacidade intelectual que xurdiu no 2017 e que contará, na súa segunda edición, coa participación de 30 equipos de toda España, entre os que se atopa o CD Lugo co patrocinio da Deputación

Santos Ramos subliñou que “estamos sumamente comprometidos coa plena integración social de persoas con capacidades diferentes. Neste senso, incorporamos ás nosas programacións cláusulas coas que garantir a igualdade de oportunidades. Por iso, non podíamos deixar pasar a oportunidade de colaborar nesta fabulosa iniciativa”

No acto tamén participaron os presidentes das entidades e asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia participantes no proxecto: Fundación Eu Son (Burela), Aspnais (Lugo), Down (Lugo), Aspanane (Viveiro) e Prodeme (Monforte de Lemos)

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto á Conselleira Delegada do Club Deportivo Lugo, Olga Rouco Calaza, presentaron este xoves a iniciativa LaLiga Genuine, na que participarán 32 lucenses con capacidades diferentes, representando ao CD Lugo, co patrocinio do Executivo da Deputación. Trátase dunha liga pioneira para persoas con discapacidade intelectual que xurdiu no 2017 e que contará, na súa segunda edición, coa participación de 30 equipos de toda España.

No acto tamén participaron o Concelleiro de Deportes e a a Concelleira de Igualdade,  de Lugo, Miguel Fernández Méndez e Ana González Abelleira; as Concelleiras de Servizos Sociais de Monforte de Lemos e Viveiro, Gloria Prado Rodríguez e Carmen Franco Díaz; xunto aos presidentes das entidades e asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia de Lugo participantes no proxecto: Fundación Eu Son (Burela), Aspnais (Lugo), Down (Lugo), Aspanane (Viveiro) e Prodeme (Monforte de Lemos).

Santos Ramos subliñou que “dende o Goberno da Deputación estamos sumamente comprometidos coa plena integración social de persoas con capacidades diferentes. Neste senso, incorporamos tanto nas nosas programacións de emprego, como noutros ámbitos como o deportivo, cláusulas coas que garantir a igualdade de oportunidades e favorecer a súa normal participación na sociedade. Por iso, non podíamos deixar pasar a oportunidade de colaborar nesta fabulosa iniciativa”.

O voceiro explicou que “facémolo a través do contrato de patrocinio que asinamos co Club Deportivo Lugo para, conxuntamente, impulsar na nosa provincia valores fundamentais como a igualdade ou  a superación a través do deporte. E, sen dúbida, a Liga Genuine representa esas máximas. O lema da iniciativa Compartir antes que competir, da conta da oportunidade que supón para romper barreiras en favor da integración, a diversidade e para transmitir estes valores ao conxunto da sociedade”.

“Con este proxecto facemos realidade o soño de moitos rapaces e rapazas que terán a oportunidade de demostrar a súa enorme valía nunha liga na que máis aló dos resultados priman a deportividade, o xogo limpo e o respecto entre compañeiros”, apuntou Santos Ramos.

32 participantes de 5 asociacións
O equipo do CD Lugo que participará na Liga Genuine realizou o seu primeiro adestramento no campo da Reigosa en Friol. Está composto por por 32 mozas e mozos que estarán baixo a dirección dun corpo técnico integrado por catro persoas e coordinado por Jose Seoane. Para a creación do CD Lugo Genuine o club contou co apoio e colaboración de cinco asociacións:  Aspnais, Down Lugo,  Aspanane, Fundación  Eu Son e Prodeme, así como dos Concellos de Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, e o principal patrocinio da Deputación. O conxunto  albivermello debutará o próximo 17 de novembro na sede de Tarragona.

Unha iniciativa pioneira
LaLiga Genuine é unha iniciativa pioneira de LaLiga consistente na creación dunha liga para persoas con discapacidade intelectual. Xurdiu en 2017 e esta tempada contará coa participación de 30 dos 42 clubs do fútbol profesional. Este proxecto que cada vez conta con maior aceptación e atención por parte dos clubs de  LaLiga Santander e LaLiga 1|2|3 fai partícipe á sociedade no compromiso do fútbol profesional coa diversidade e a inclusión. En efecto, o proxecto pasou de contar coa participación de 18 clubs na primeira edición do pasado ano, ata chegar aos 30 equipos na vixente tempada.

A competición de LaLiga Genuine consistirá en 4 torneos en modo de concentración na modalidade de Fútbol 8, en partidos de catro partes de 10 minutos.

En  LaLiga  Genuine non só suman os resultados deportivos, senón tamén as actitudes positivas de deportividade que se mostren durante os partidos. Por iso, os equipos contarán en cada xornada cunha serie de puntos que premiarán o comportamento e accións de deportividade e xogo limpo de xogadores, adestradores e afeccións. Ao final da liga haberá un premio para o equipo que sume máis vitorias, e outro para o equipo que consiga maior puntuación en termos de ‘fair play’ ou xogo limpo.