Deputación de Lugo
Economía
Medio ambiente

O Presidente anima a desfrutar na Ponte de Maio da Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara

Láncara
feira degustación tenreira galega
José Tomé e o Alcalde lancarés presentaron en San Marcos a programación da cita, que celebra as súas vodas de prata os días 30 de abril e 1 de maio

O mandatario provincial felicitou ao Concello por impulsar esta romaría popular que fusiona “cultura e gastronomía”, e segue unha das liñas de traballo da Deputación, como é “o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario, ás actividades agrogandeiras, forestais e do mar, onde se concentra un dos maiores músculos da nosa economía e do emprego”

Entre as novidades para conmemorar estes 25 anos de feira, destacan os cantos de taberna e unha foliada popular con degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema, na que se repartirán 200 quilos de carne

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, presentaron este venres no Pazo de San Marcos a vixésimo quinta edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, que se celebrará na Pobra de San Xiao os próximos días 30 de abril e 1 de maio. 

José Tomé amosou a súa satisfacción por contribuír dende a Deputación a difundir as vodas de prata desta romaría popular “que fusiona cultura e gastronomía”. Unha festa declarada de Interese Turístico Galego, que “ano tras ano supera as expectativas incorporando novidades ao programa de actividades, o que enriquece as dúas xornadas que teñen lugar en torno ó Primeiro de Maio”.

O mandatario provincial destacou que este tipo de iniciativas son moi positivas “porque poñen en valor o traballo dos gandeiros e gandeiras; os seus produtos de alta calidade e, desta forma, favorecen a súa comercialización e consumo”. Destacou ademais, que esta feira “contribúe a promocionar a nivel turístico Láncara porque dá a coñecer os seus valores culturais e patrimoniais; e, por suposto, ten un retorno económico directo para a hostalería e para o comercio, porque onde se move xente, sempre hai consumo nestes negocios”.

Precisamente, unha das grandes liñas de traballo da institución provincial, afirmou o Presidente, “é o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario, ás actividades agrogandeiras, forestais e do mar, porque é aí onde se concentra un dos maiores músculos da nosa economía e do emprego, e onde se sitúa un dos maiores potenciais para seguir medrando e para afrontar o reto demográfico”. Porque, engadiu, “o sector primario ten unha alta capacidade de xerar riqueza, de crear emprego e, polo tanto, de fixar poboación no rural”.

Unha das grandes novidades para conmemorar estes 25 anos de feira son os cantos de taberna e a foliada popular con degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema, que terá lugar o 30 de abril, na Praza dos Labradores da Pobra de San Xiao, e na que se repartirán 200 quilos de carne entre os asistentes. 

José Tomé deu os parabéns ao Alcalde por impulsar a Feira da Tenreira, así como polo traballo que está a levar a cabo no Concello, que “está vivindo un cambio moi positivo dende que está á fronte do Goberno municipal, con moitas medidas en materia de servizos, de infraestruturas, de mobilidade ou de oferta cultural”. Rematou o Presidente dicindo estar convencido dun novo “éxito” da feira, e animou aos veciños e veciñas, e a todas as persoas que visitan a provincia, a desfrutar das actividades que se desenvolverán nas dúas xornadas festivas.

Festa dos avós, degustación, artesanía e gando vacún
A XXV Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara inclúe un amplo programa de actividades para todos os públicos. Os actos comezarán o vindeiro 30 de abril coa celebración da XV Festa dos Avós, que terá lugar no Campo da Feira.  Ese mesmo día destaca tamén a foliada e degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema na Praza dos Labradores. 

O primeiro de Maio, o recinto feiral ofrecerá actuacións musicais, artesanía, agricultura e o tradicional concurso de gando vacún. Haberá tamén poxa de xovencas e o sorteo dunha becerra entre os empadroados no concello e os asistentes á comida da carpa. 

O programa completo é o seguinte: 

30 DE ABRIL. XV FESTA DOS AVÓS
12.30 h. Recepción por parte da Corporación municipal na carpa instalada no Campo da Feira da Pobra de San Xiao
13:00 h. Actuación musical
13:15 h. Intervención autoridades
13.45 h. Comida na carpa instalada no Campo da Feira da Pobra de San Xiao
16:30 h. Actuación musical
18.00 h. Exhibicións Escolas Deportivas Municipais no Pavillón Polideportivo
20.30 h. Cantos de Taberna polos bares da Pobra de San Xiao
22.30 h. Foliada popular e degustación gratuita de Tenreira Galega Suprema na Praza dos Labradores

1 DE MAIO
10:00 h. Apertura da XXV Feira da Tenreira Galega
12:00 h. Recepción das autoridades no Campo da Feira
12:15 h. Apertura stands, degustación gratuita de queixos 
artesáns, sidra ecolóxica do país
12:30 h. Subasta de varias xovencas
12:45 h. Percorrido polo recinto feiral e visita ás instalacións
do gando
13:00 h. Pregón a cargo de Rosa Sierra
13:30 h. Sesión vermú a cargo de Punto Clave
14.00 h. Xantar (con carne de Terneira Galega Suprema)
17:00 h. Exhibición ecuestre
17.45 h. Entrega de premios do concurso de gando vacún
e sorteo becerra
18:30 h. Actuación a cargo de Punto Clave