Deputación de Lugo
Formación

A Deputación organiza o I Encontro de videopoesía: Lírica e acción con videopoemas do alumnado do Centro de Formación Audiovisual

SERVIZOS AUDIOVISUAIS
tic
Escola de Audiovisuais
O Deputado de Promoción Económica e Social inaugurou o encontro, que contou coa a participación de Cristina Corral e Ángel Suanzes, autores dalgúns dos poemas nos que se basean os audiovisuais

Pablo Rivera destacou “as posibilidades que ofrece a interrelación das linguaxes do cine, da literatura e da fotografía no actual mercado laboral” e defendeu a formación práctica adaptada á demanda

Durante o encontro proxectouse unha ampla selección dos videopoemas elaborados desde que se puxo en marcha esta formación práctica en 2021, a raíz da pandemia

O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo organizou este xoves o I Encontro de videopoesía: Lírica e acción, no que se proxectaron audiovisuais elaborados por alumnos e alumnas de 2º de Realización baseados en poemas de autores e autoras galegos. Ademais, debateuse sobre as linguaxes cinematográfica, poética e fotográfica, e as posibilidades que a súa interrelación ofrece no mercado laboral.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, inaugurou o encontro, que contou coa participación dos escritores Cristina Corral Soilán e Ángel Suanzes, do fotógrafo e responsable de Nêspera Editora, Breixo Parcero, e do profesor da escola David Pardo. Rivera Capón lembrou que “o mundo audiovisual está en continua evolución, polo que é necesario que os nosos estudantes saian ben preparados para facer fronte ás demandas do sector”. Referiuse, por exemplo, a produtos como os booktrailers, “que permiten conectar o mundo da literatura coa realidade audiovisual que vivimos, e que son ideais para a súa emisión en Internet”.

Orixe dos videopoemas: Facer prácticas na pandemia
Segundo apuntou o responsable da área de Promoción Económica e Social, “no ano 2021, coincidindo coa pandemia, dende o noso Centro de Formación buscáronse fórmulas para que o alumnado puidese facer prácticas nas súas casas. Unha destas iniciativas, a de elaborar audiovisuais sobre textos de autores galegos, tivo moito éxito e consolidouse nos seguintes cursos”.

Neste primeiro encontro, celebrado no Salón de Actos do Centro, proxectouse unha ampla selección da cincuentena de audiovisuais elaborados desde entón. “Son un exemplo máis do modelo educativo da Deputación, no que a parte práctica é fundamental para que os nosos alumnos sexan os futuros profesionais do sector audiovisual, como empregados ou como emprendedores dos seus propios proxectos”, apuntou Pablo Rivera.

Técnica e talento
A través destes videopoemas, cada alumno desenvolve libremente a súa creatividade a partir dun poema. O estudante é o responsable de todo o proceso, dende a idea que lle inspira a obra, ata a gravación, a montaxe ou o son. Debe facer fronte en solitario a todas as dificultades e retos que iso supón. Pablo Rivera dixo que “este é un sector no que son moi importantes os coñecementos técnicos, pero tamén é fundamental a parte creativa, que é onde mellor se desenvolve o talento”.

En canto aos poemas sobre os que se traballou, en 2023 foron da escritora Cristina Corral, en concreto, do libro Ficar. En 2021 foron obras do poemario E se a memoria está na boca, de Ángel Suanzes, autor tamén dos poemas de Os eucaliptos levan o lume dentro,  elixidos para este 2024, xunto cos de Humanario de Pilar García Rego, que non puido asistir ao encontro.