Deputación de Lugo

A Deputación participa no Día da Terra da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra

Campus Terra
USC
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, incidiu no acto na aposta decidida da institución provincial coa preservación do medio ambiente, facendo políticas que promoven a conservación do territorio e o desenvolvemento sostible

O Deputado de Promoción Económica, e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres nos actos conmemorativos do Día da Terra que organizou a Escola Superior de Enxeñería do Campus Terra de Lugo. Rivera Capón salientou a aposta decidida da institución provincial pola preservación do medio ambiente, impulsando políticas públicas que promoven a conservación do territorio e o desenvolvemento sostible.

Fixo fincapé en que máis do 80% do territorio lucense está declarado Reserva da Biosfera, “zonas que non só protexen a biodiversidade, senón que tamén ofrecen un modelo de desenvolvemento económico que é ambientalmente sustentable e socialmente inclusivo”. Nese sentido, lembrou que a Deputación de Lugo xestiona dúas reservas: a de Terras do Miño e a dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. 

Do mesmo xeito, incidiu en que dende unha perspectiva académica, a Deputación de Lugo apoia iniciativas como o Campus Terra e financia a Granxa Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro. “Estes proxectos non só son centros de investigación ambiental de primeira liña, senón que tamén actúan como plataformas para influír e modelar políticas públicas relacionadas co medio ambiente”, subliñou.

O Deputado aproveitou a ocasión para instar a toda a comunidade universitaria a tomar un papel activo non só en iniciativas de conservación, “senón tamén en dialogar e colaborar cos actores políticos para fomentar unha xestión ambiental máis robusta e efectiva”.

Subliñou que “é imperativo seguir avanzando con coñecemento e determinación, pois a política ambiental non só moldea o noso presente, senón que define o futuro da nosa sociedade e do noso planeta”.