Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación felicita ao alumnado da Escola de Relacións Laborais pola xornada sobre as oportunidades de traballo desta especialidade profesional

relacións laborais
Graduados Sociais
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, clausurou este xoves o encontro, co que colabora a institución provincial
Clausura Xornada Relacións Laborais

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou na clausura da xornada sobre futuro laboral que tivo lugar este xoves no Salón de Actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais. A institución provincial, a principal entidade financiadora do centro, colaborou na difusión deste evento organizado polo alumnado, e que serviu para dar a coñecer a súa oferta formativa e as oportunidades de traballo desta especialidade profesional a través do testemuño de antigos alumnos.

Durante o peche da xornada, Miguel Fernández, fixo fincapé na profesionalidade da organización e puxo de relevancia o éxito co que partía esta xornada porque “demostra o que sempre sostemos; que o alumnado que se forma na Escola de Relacións Laborais, como o alumnado de todo o ensino superior, formación profesional e outros ensinos da provincia, está perfectamente capacitado para a súa inserción no mercado laboral. Está preparado para aproveitar as oportunidades e, como se demostra con estas xornadas, tamén para crealas”.

Miguel Fernández destacou a necesidade de contar con profesionais formados nun mercado laboral cambiante e nese panorama subliñou o papel dos expertos en Relacións Laborais, pois "contan cunha preparación de excepción para ter unha visión global dese mercado laboral. Un mercado do que todos e todas coñecemos pequenas parcelas, as que nos tocan máis de preto, pero que eles entenden no seu conxunto”. 

O Deputado felicitou aos estudantes pola celebración desta xornada e desexoulles moitos éxitos no seu futuro profesional, reiterando o compromiso da Deputación “co ensino público, de todos os niveis, que forma a nosa mocidade e nos dá a mellor ferramenta para construír o futuro que queremos dende a igualdade de oportunidades”.