Deputación de Lugo

O Presidente anuncia a licitación do equipamento para a residencia de Meira coa previsión de abrila no verán

centro de maiores
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación cinco lotes para equipar o Centro de Atención a Maiores meirego por un importe de 300.000€

Asignados os 55 primeiros hortos urbanos do río Rato, concedidos a través de sorteo público a persoas ou entidades que xa foran usuarias, e que poderán comezar a traballar neste mes de marzo

Adxudicadas as obras de mellora da estrada provincial de Pedrafita do Cebreiro a Seoane do Courel por 245.000€ e aprobado o Plan de Seguridade e Saúde para actuacións en catro estradas de Ourol por un importe de 250.000€

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a Xunta de Goberno provincial aprobou a licitación do contrato para a dotación de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Meira cun orzamento de preto de 300.000 euros.

O contrato divídese en cinco lotes -mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas; lavandería; pequenos electrodomésticos e material de limpeza; e cortinaxe-, entre os que cabe destacar a mellora das 30 camas destinadas aos residentes, que terán 105cm. de ancho. Esta licitación establece unha posible ampliación na compra de material para o aumento das prazas para residentes das 30 iniciais a 38.

“Seguimos dando pasos importantes para cumprir cos compromisos desta Deputación cos concellos e cos veciños e veciñas da provincia en materia de residencias. Co este contrato damos un paso importante de cara a cumprir coa nosa previsión de abrir o Centro de Atención a Maiores de Meira no primeiro semestre do ano, de cara ao verán”, afirmou o Presidente. 

En relación ás residencias, o Presidente destacou a aprobación do Plan de Seguridade e Saúde do Traballo para acometer as obras de acondicionamento necesarias para abrir o centro de maiores de Pedrafita do Cebreiro nesta primavera. A apertura destes dous centros, xunto á previsión de apertura de Navia de Suarna a finais de ano permitirá aumentar a rede provincial de residencias das 5 actuais -Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde-, ata 8.

Asignación de  hortos urbanos

A Xunta de Goberno tamén aprobou a asignación dos primeiros 55 hortos urbanos do Río Rato, concedidos a través de sorteo público a persoas ou entidades que xa foran usuarias dalgunha das parcelas. Os usuarios destes terreos poderán comezar a traballalos neste mes de marzo. 

En canto ás 95 parcelas restantes, accederán a elas persoas ou entidades que nunca tiveron un horto a través dun proceso de concorrencia competitiva, que a Xunta de Goberno aprobará convocar proximamente.

Esta adxudicación afecta aos hortos do Rato. No caso dos de Paradai, a Deputación informará do sistema a seguir, xa que levan unha tramitación diferente porque son uns terreos que eran propiedade da extinguida SUPLUSA.

 

Estradas provinciais

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das obras de mellora da estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel, por 245.000 euros. As melloras inclúen a ampliación da estrada de 4 a 6 metros de ancho, a drenaxe e afirmado, ademais da pavimentación e a sinalización horizontal e vertical. “O meu compromiso como Presidente e como responsable de Xestión Territorial é arranxar os 6 quilómetros desta estrada neste mandato en tres anualidades. Este é o primeiro tramo e neste mandato arranxaremos os outros dous”, engadiu Tomé Roca. 

Ademais, aprobouse o Plan de Seguridade e Saúde para acometer as obras de mellora en catro vías provinciais ao seu paso polo concello de Ourol, nas que a institución inviste 250.000 euros. Trátase das estradas LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras; LU-P-3805, que comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto; LU-P-3808, que une os núcleos de Foxo a Portapena, e a LU-P-6404, de Cristo da Pena ata Ponte Segade.

No orzamento de 2021, a Deputación de Lugo aumentou un 14% as partidas para estradas, ata os 16M€. O Presidente recalcou que “estamos facendo un importante esforzo económico no mantemento e na mellora dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial, a máis extensa de toda España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo”. 

 

Máis de 6M€ para o tecido asociativo

Esta mañá, a Xunta de Goberno aprobou a actualización para este ano 2021 do Plan Estratéxico de Subvencións (PES) da Deputación, que contará este ano cun orzamento que supera os 6M€, e que poderá incrementarse en función do crédito dispoñible. José Tomé sinalou a importancia deste orzamento para subvencións nominativas e de concorrencia “que permiten manter o tecido asociativo e contribuír ao desenvolvemento de proxectos que impulsen o emprego e os sectores produtivos, o benestar social ou a promoción do territorio e do turismo, algo especialmente importante para paliar os efectos da crise provocada pola pandemia”.

 

Adquisición de máscaras de protección

Na reunión de hoxe aprobouse a compra de 170.000 máscaras FFP2 de protección fronte á Covid-19 ao persoal da Deputación de Lugo, por un importe que ronda os 60.000€. “Esta compra forma parte das medidas que tomamos dende o inicio da crise sanitaria para extremar a prevención da Covid-19 e protexer ós traballadores e traballadoras nos seus postos de traballo”, explicou o mandatario provincial.

 

Catamaráns

Entre os acordos que adoptou hoxe a Xunta de Goberno tamén está a adxudicación do contrato do seguro de casco, máquina e equipos electrónicos de navegación da flota de catamaráns da institución provincial á empresa Mutua de Riesgo Marítimo, Sociedad Seguros a PF (Murimar Seguros) por un importe de 25.000€ e dous anos de duración. Os catamaráns da Deputación de Lugo volverán funcionar a partir do 19 de marzo nos leitos dos ríos Miño e Sil.