Deputación de Lugo
Economía

A Deputación impulsa a dixitalización do comercio local de Monforte de Lemos con preto de 37.000€

comercio local
Monforte de Lemos
O Presidente asinou coa asociación do Centro Comercial Urbano monfortino un convenio para contribuír a que os preto de 150 asociados do colectivo implanten medidas tecnolóxicas nos seus negocios para ser máis competitivos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación do Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos, Juan Carlos González, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio a través do que a institución provincial achega 36.907€ para colaborar co proxecto de dixitalización dos comercios asociados desta entidade, que agrupa a preto de 150 negocios da cidade. No acto de sinatura tamén participaron a vicepresidenta do Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos, Áurea González Péreze a vogal, Melanie De la Fuente González. 

Esta axuda que concede a institución provincial é importarte porque contribúe a impulsar o comercio de proximidade na zona sur da provincia “nuns momentos difíciles, nos que se necesita recuperar a confianza na cidadanía e buscar novas fórmulas de promoción e venda que resulten atractivas”, subliña o Presidente. 

Compromiso cos sectores produtivos
Tomé Roca explica que esta achega responde ao compromiso da Deputación de Lugo co apoio aos sectores produtivos da provincia co fin de contribuír a combater os efectos da crise económica provocada pola pandemia, sobre todo nas actividades de servizos. Nesta liña, a institución provincial puxo en marcha a campaña EN LUGO, SI co fin de revitalizar o tecido económico da provincia e, con iso, o emprego, sobre todo nas pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos.

Por un lado, EN LUGO,SI inclúe accións dirixidas aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, pola outra, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da provincia e do seu tecido produtivo. Así mesmo, tamén baixo o paraugas desta campaña, organizáronse os foros Abrindo as portas: o rexurdir do turismo co obxectivo de pulsar o sentir do sector da hostalería e do turismo fronte á campaña deste verán e adoptar decisións que contribúan a mellorar a súa situación.