Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente participa na apertura dun encontro nacional de profesionais sanitarios sobre hematoxeriatría en San Marcos

presidente
José Tomé Roca
O Presidente da Deputación de Lugo participa na apertura dun encontro nacional de profesionais sanitarios sobre hematoxeriatría en San Marcos

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este venres no acto de apertura do VI Workshop de Hematoxeriatría, un encontro nacional de profesionais sanitarios organizado polo Grupo Español de Hematoxeriatría, que nesta edición se celebra no Salón de Actos de San Marcos e leva por título Facendo Fácil e Agradable a Hematoxeriatría. Trátase, subliñou José Tomé, de “toda unha declaración de intencións: facer fácil e agradable a atención sanitaria, para facilitar aos pacientes un envellecemento cos maiores niveis de saúde e benestar posible”.

“Os que dende as institucións defendemos unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade, entendemos, como os profesionais, que dita calidade se consegue cando alo menos se conxugan dous factures, a excelencia científica e a dimensión humana da atención sanitaria. Dous rasgos que definen aos profesionais que traballan na sanidade pública lucense e estou convencido de que tamén aos asistentes a este taller”, asegurou o Presidente da Deputación.

Xunto ao mandatario provincial, na apertura das xornadas participaron Ramón Ares, xerente da EOXI Lugo, A Mariña e Monforte; Concepción Boqué, presidenta do Grupo Español de Hematoxeriatría; e Esperanza Lavilla, coordinadora do workshop.