Novas actuacións da Deputación impulsan o Xeoparque Mundial das Montañas do Courel
As actuacións comprenden investigacións, unha publicación científica, a creación dun mapa cartográfico e un sistema de información xeográfica, a edición de material de promoción e a divulgación en xornadas e foros turísticos
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o representante da Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, Roberto Castro González, asinaron dous convenios de colaboración para continuar potenciando o Xeoparque Mundial do Courel como destino turístico da provincia. Este espazo natural que acadou este ano, co apoio da Deputación,o recoñecemento da UNESCO é o primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España e forma parte dunha rede mundial de 141 xeoparques en todo o mundo.
Coa fin de difundir a riqueza natural deste espazo, a Deputación achega un total de 50.000 euros para diversas actuaciónsde investigación, posta en valor e promoción das Montañas do Courel. Entre elas inclúense accións para a datación dos glaciares, a edición dunha publicación científica e a creación dun mapa cartográfico, un sistema de información xeográfica e imaxe 3D das formacións xeolóxicas desta montañas.
Esta colaboración tamén abrangue o financiamento de diversas accións de promoción e divulgación,como xornadas, o desenvolvemento da Semana dos Xeoparques e a asistencia a eventos, congresos e foros nacionais e internacionais para dar a coñecer o proxecto Xeoparque Montañas do Courel. Tamén se editará material promocional deste enclave da provincia de Lugo.
As Montañas do Courel convertéronse,no pasado mes de abril, no primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España, declarado pola UNESCO. A Deputación foi a principal administración galega que traballou xunto aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, para conseguir este distintivo da Unesco. Este territorio da provincia de Lugo está así integrado nunha rede mundial de parque xeolóxicos e áreas naturais protexidas formada por soamente 141 territorios de todo o mundo.