Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación destina 106.000€ á mellora da estrada provincial de Monforte a Currelos

infraestruturas
estradas
Rede provincial de estradas
Monforte de Lemos
O Presidente explicou que os traballos, que se acometerán en 1,4 quilómetros desta vía, moi utilizada pola veciñanza, consiste na pavimentación con aglomerado, a limpeza de cunetas e a renovación da sinalización horizontal

O Presidente da Deputación, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, informou de que o organismo provincial destinará un investimento de 106.000€ á mellora da estrada LU-P-3202, que conecta o centro do concello de Monforte con Currelos.

As obras, que se iniciarán en canto o permitan as condicións meteorolóxicas, consisten na extensión dunha capa de aglomerado de 5 centímetros de espesor e unha lonxitude de 1,4 quilómetros. As actuacións realízanse entre o punto quilométrico 2,6 ata o 4,4, cun ancho total de vía de 8 metros. Ademais, vaise proceder á limpeza de cunetas en todo o treito e, posteriormente, pintarase o firme con tres liñas de delimitación: dúas laterais e unha central, quedando dous carrís de 4 metros. 

Os traballos de mellora desta estrada teñen un importante valor social, destacou o Presidente da Deputación, pois trátase dunha vía moi utilizada pola veciñanza.

 

Melloras nas comunicacións

José Tomé recorda o compromiso firme que ten o Goberno provincial co arranxo da rede de estrada provinciais e por iso, dende a súa chegada á administración, apostou por renovar o firme en varios lugares. Un exemplo recente é o acondicionamento de dúas estradas do Saviñao, a LU-P-4102, que vai dende Ferreira a Currelos, e a LU-P-4202, de Pacios a Currelos por Aldosende. Melloráronse preto de 11 quilómetros entre ambas vías, para o que a Deputación realizou un investimento total próximo aos 506.000 euros. 
Tomé Roca reafirma que “para nós a mellora das comunicacións viarias son unha prioridade, pois son necesarias para verdadeiramente garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo”.