Deputación de Lugo
Medio ambiente

O Pazo de San Marcos reúne a profesionais e expertos da apicultura nas II Xornadas Apícolas

xornadas apícolas
medio rural
Pilar García Porto
O encontro gratuíto e aberto a todo o público interesado terá lugar no salón de actos da Deputación este venres e sábado

As xornadas, organizadas pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores, abordarán diversas temáticas, como a calidade do mel, os tratamentos de apicultura e a diferenza entre o mel local e o que procede doutros países

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participará xunto ao Presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores, Pablo Piñeiro Fraga, na apertura das II Xornadas Apícolas organizadas por este colectivo lucense que aglutina a uns 400 pequenos apicultores e que terán lugar este venres e sábado no salón de actos da Deputación.

As xornadas, gratuítas e abertas a todo público interesado, comezarán ás 20:00 horas do venres cunha conferencia sobre como recoñecer a calidade do mel e que impartirá Maura Fernández Díaz, técnico do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia. O encontro continuará na tarde do sábado con outras dúas charlas. Ás 18:00 horas, o veterinario de Promiel Asturias, Carlos Marín, abordará os tratamentos de apicultura ofrecendo pautas sobre como, cando e por que realizalos. De seguido, ás 20:00 horas, Manuel Ferreira, da Casa do Mel Goente, explicará as diferenzas que existen entre o mel local e o que procede do estranxeiro. A asistencia a estas charlas é libre ata completar aforo.

As II Xornadas Apícolas enmárcanse na celebración da XXVII Feira do Mel de Lugo, que terá lugar na Praza da Soidade o sábado, entre as 10:00 e as 18:00 horas. Nesta edición, participarán 22 postos de apicultores que venderán diferentes tipos de mel de Galicia a un prezo de 8 euros o quilo.

A provincia de Lugo é, despois da de Ourense, a que maior número de colmeas ten en Galicia. Segundo o censo apícola de Galicia no 2018 incrementáronse o número de colmeas en todo o territorio galego pola crecente demanda de mel e produtos apícolas derivados tanto alimentarios como cosméticos. Na provincia de Lugo existen unhas 52.000 colmeas que producen cada unha entre 15 ou 20 quilos acadando así unha produción total de arredor de un millón de quilogramos de mel ao ano. No mercado véndese o quilo de mel a uns 8 euros, xerando un volume de negocio duns 8 millóns de euros na provincia. 

O sector apícola está a vivir un momento de auxe e profesionalización con bos resultados a pesar dos retos que afronta como a desaparición das abellas polo cambio climático, enfermidades producidas por parásitos como a varroa ou a invasión de especies foráneas como a velutina.