O XIV Criterium Aeronáutico chega a Lugo da man da Deputación
Rivera Capón destacou “a importancia desta cita que ten unha tripla finalidade: Unha proba puntuable para deportistas, o obxectivo divulgativo do Criterium e a dinamización de toda a contorna”
O Deputado de Deportes en funcións, Pablo Rivera Capón, a Concelleira do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado Teijeiro, xunto co Secretario Xeral do Real Aeroclube de Lugo, Marco Antonio López Queiroz, presentaron este xoves o XIV Criterium Aeronáutico 2019 e a XXXVI Volta Aérea a Galicia, que terá lugar, no Aeródromo de de Rozas, os próximos días 25, 26, 27 e 28 de xullo. Este evento deportivo conta coa colaboración da Deputación que achega 10.000 euros para a súa realización.
Rivera Capón destacou “a importancia desta cita que ten unha tripla finalidade: A volta a Galicia é unha proba puntuable para os deportistas aeronáuticos. O Criterium ten un obxectivo divulgativo, pois da a posibilidade coñecer esta modalidade deportiva entre os veciños da provincia, ao tempo que dinamiza toda a contorna, pois cada ano achéganse preto de 5.000 persoas ao Aeródromo de Rozas atraídas polo único Criterium que se celebra en todo o Noroeste peninsular”.
Rivera Capón tamén explicou que “nesta ocasión contamos coa participación da Patrulla Águila, que deleitará aos asistentes coas súas acrobacias. É todo un privilexio contar con eles e agardamos que a súa colaboración esperte aínda máis interese neste evento, facendo que moitos máis afeccionados aos deportes aéreos coñezan a nosa Provincia e as súas paisaxes”.
Durante os catro días que dura o Criterium celebraranse saltos en paracaídas, bautismos de voo, exhibicións acrobáticas, apagalumes, simuladores, exposicións e sorteos para vóos de balde. O acceso para ver as actividades será gratuíto, se ben é necesario anotarse e pagar para participar no paracaidismo ou nos voos. Máis información e inscricións no correo criteriumaeronautico@aerolugo.es .
A Volta a Galicia constará de dúas etapas, a primeira terá lugar o venres, e os participantes partirán de Rozas rumbo sur e leste, mentres que o sábado dirixiranse cara o norte e o oeste, volvendo ao aeródromo lucense.
Patrulla Águila
A Patrulla Águila é o grupo de voo acrobático do exercito español, foi creada en 1985 e conta con máis de 25.000 horas de voo participando en todo tipo de eventos, exhibicións aéreas en todo o mundo, a celebración da festa nacional e diversos tipos de eventos deportivos.