Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a exposición Rompe, xoga en igualdade

Igualdade
Exposición
Exposición 'Rompe, xoga en igualdade'
A mostra, inaugurada este martes, poderá contemplarse no corredor esquerdo da planta baixa ata o 31 de xullo en horario de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas

García Porto sinalou que “esta exposición é unha ferramenta máis para visibilizar unha problemática social e unha lacra que, desgraciadamente, aínda está moi presente na actualidade. Desde a Deputación, ofrecemos o Pazo de San Marcos, a casa de todos os lucenses, para crear un espazo de concienciación e diálogo”

A mostra conta con 18 paneis e vitrinas coas recoñecidas bonecas Barbie que foron intervidas para mostrar situacións de desigualdade, discriminación e violencia

A Deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, xunto á Deputada de Igualdade en funcións da Deputación de Pontevedra, Isaura Abelairas Rodríguez, participaron este xoves no Pazo de San Marcos na inauguración da exposición Rompe, xoga en igualdade. A mostra conta con 18 paneis e vitrinas coas recoñecidas bonecas Barbie que foron intervidas para mostrar situacións de desigualdade, discriminación e violencia, aínda están presentes na sociedade. A exposición poderá visitarse no Pazo de San Marcos, ata o 31 de xullo, en horario de luns a venres, de 09:00 a 21:00 horas.

García Porto sinalou que “temos o pracer de acoller e desfrutar na nosa cidade desta mostra, pertencente á Deputación de Pontevedra, que por primeira vez sae da provincia pontevedresa, para así contribuír a reivindicar a igualdade entre homes e mulleres. Esta exposición é unha ferramenta para visibilizar unha problemática social e unha lacra que, desgraciadamente, aínda está moi presente na actualidade. Desde a Deputación ofrecemos o Pazo de San Marcos, a casa de todos os lucenses, para crear un espazo de concienciación e diálogo”.

Rompe, xoga en igualdade
Esta exposición itinerante, vangardista e rompedora, foi creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Trátase dunha mostra de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo, as bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos, así como a transmisión de valores. As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos.

Exposición 'Rompe, xoga en igualdade'