Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Os veciños de Chantada contarán cunhas infraestruturas deportivas renovadas, grazas ao Goberno da Deputación

Chantada
Deportes
Pavillón municipal Chantada
O Executivo Provincial inviste preto de 350.000 euros, que se destinarán á renovación do céspede artificial do campo de fútbol e ao acondicionamento do pavillón municipal, dúas instalacións que usan os principais clubs deportivos de Chantada

Campos Conde supervisou o inicio dos traballos e sinalou que ambas as dúas obras responden a unha demanda da veciñanza, e beneficiarán tanto á práctica profesional de fútbol e baloncesto, como aos nenos e nenas das escolas deportivas municipais

Ademais, o Goberno da Deputación fará máis accesible o pavillón municipal, pois instalarase unha rampa de acceso para as persoas con diversidade funcional, eliminando as barreiras e obstáculos arquitectónicos, e facilitando a plena inclusión

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, supervisou este mércores o inicio das obras de renovación do céspede artificial do campo municipal de Sangoñedo, unha vella demanda dos equipos de fútbol de Chantada, que reclamaban o acondicionamento do campo, á que dará resposta o Executivo Provincial. Fíxoo acompañado polo Alcalde do Concello, Manuel Lorenzo Varela.

Campos Conde sinalou que “destinamos á renovación deste campo de fútbol 266.000 euros, co que se beneficiarán centos de veciños, pois o campo de Sangoñedo é usado polos dous equipos de fútbol que xogan na Primeira Autonómica, o Sociedade Deportiva Chantada e o Atlético Chantada, e tamén polos nenos e nenas das escolas deportivas municipais”.

O campo municipal de Sangoñedo é utilizado polos clubs da localidade tanto para adestrar como para os partidos de liga. Os xogadores reclamaban dende hai tempo a renovación do céspede, pois o deficiente estado do campo favorecía que se producisen lesións, polo que a Deputación acometerá o arranxo e renovación do céspede, logo de que a Xunta decidise non colaborar con este proxecto.

Arranxo do pavillón municipal
O Presidente destacou que esta non é a única actuación prevista nas infraestruturas deportivas de Chantada e avanzou que pronto comezarán as obras de acondicionamento do pavillón municipal, por un valor de 80.000 euros. Deste xeito, o Goberno Provincial contribuirá a apoiar o deporte chantadino cun investimento total duns 350.000 euros.

O pavillón, a única instalación deportiva cuberta de titularidade do Concello, é empregado polo CB Chantada, equipo de baloncesto que compite na Liga EBA, para os adestramentos e os partidos de competición.

A obra consistirá na renovación do parqué e na construción de rampas de acceso para as persoas con diversidade funcional. Tamén neste caso, a actuación do Goberno provincial responde a unha petición veciñal. Con estes traballos non só se favorece a práctica deportiva neste espazo, senón que tamén se consegue mellorar a accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas e facilitando a plena inclusión.

 

Campo de fútbol Chantada