A Deputación cederá treitos de vías urbanas aos concellos de Cospeito e Palas de Rei
O concello de Becerreá recibirá en propiedade un tractor do parque móbil provincial para tarefas de mantemento e de prevención de incendios no medio rural.
A Deputación Provincial de Lugo levará para a súa aprobación no vindeiro pleno, que se celebrará o martes 24 de novembro, a modificación da titularidade de varios tramos de estradas provinciais en favor dos concellos de Palas de Rei e Cospeito. Trátase de tramos de carácter urbano, sobre os que a lei permite a súa cesión ás entidades municipais, a fin de que os concellos poidan xestionar directamente sobre elas as actuacións que sexan necesarias en cada caso. En total, os tramos que se cederán suman algo máis de 3 quilómetros de lonxitude (3.064 metros).
Estas cesións de tramos de vías provinciais a entidades municipais son as primeiras que se levan a cabo dende que Carmela López accedeu á presidencia da Deputación. A vontade é seguir atendendo a este tipo de peticións, cando se considere que benefician o interese xeral e unha vez que conten cos informes técnicos e xurídicos preceptivos, ao igual que se fixo con outro tipo de cesións realizadas nos últimos meses, como a Casona do Incio e un terreo próximo ao embarcadoiro de Maiorga, en Pantón.
Unha vez aprobadas ditas cesións polo pleno provincial, o acordo será remitido a cada un dos concellos implicados, que o deberán aceptar en pleno municipal. Unha vez aprobados estes acordos plenarios, remitiranse á Xunta de Galicia para a súa tramitación e publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Ademais, a orde do día tamén incluirá a cesión en propiedade dun tractor do parque móbil provincial ao concello de Becerreá para mellorar a prestación dos servizos municipais.
Cesións de tramos viarios urbanos en Feira do Monte, Muimenta e Palas de Rei
No referente ao concello de Cospeito, a proposta contempla o cambio de titularidade de varios tramos viarios situados nos núcleos de Feira do Monte e Muimenta, que suman unha serie de estradas provinciais, en concreto, a LU-P-1701, LU-P-1702, LU-P-1706, LU-P-6501 e LU-P-4401. A solicitude de cesión foi tramitada polo concello chairego en xaneiro de 2022, e ven de ser aprobada polo equipo de goberno provincial, atendendo así ás necesidades dos veciños e veciñas do municipio.
A LU-P-1701 conta cunha lonxitude de preto de 11 quilómetros, e os dous treitos solicitados polo Concello sitúanse no inicio e no final desta vía, nos núcleos de Feira do Monte, no inicio, e de Muimenta, no final. En total, os dous tramos cedidos suman 759 metros.
O tramo de Feira do Monte ten inicio na LU-111 e remata no límite do solo urbano, unha lonxitude de 268 metros. Conta con dous carrís de circulación, dúas zonas de aparcamento e con beirarrúas. O treito de Miumenta, de 491 metros, iniciase no límite de solo urbano e remara na LU-120 e conta con beirarrúas na meirande parte do tramo en ambas marxes.
A estrada LU-P-1702 conta cunha lonxitude de preto de 9 quilómetros. O treito solicitado sitúase no inicio da vía, no núcleo de Feira do Monte e ten o inicio na LU-P-6501, e remata no límite de solo urbano en Pino-Fontefría, cunha lonxitude de 191 metros. Conta con beirarrúas en ambas marxes ata a Avenida Virxe do Monte.
O tramo solicitado da LU-P-1706, estrada que ten unha lonxitude de 11.7 quilómetros, sitúase no inicio da vía, que conecta coa estrada autonómica LU-111, no núcleo de Feira do Monte, e remata no límite de solo urbano, con 115 metros de lonxitude. Na zona inicial conta con beirarrúa ao longo de 44 metros na marxe dereita e no resto do treito conta con zona de aparcamento.
Na LU-P-6501, de algo máis de 8 quilómetros, o treito solicitado sitúase no final da vía, no núcleo de Feira do Monte. Ten o inicio no límite de solo urbano e remata na estrada autonómica LU-120, cunha lonxitude de 883 metros. Conta con beirarrúas en ambas marxes en todo o treito.
Finalmente na LU-P-4401, estrada que ten unha lonxitude de case 11,5 quilómetros, o treito solicitado sitúase no final da vía, no núcleo de Muimenta. Cunha lonxitude de 300 metros, ten o inicio no límite do solo urbano, e remata na estrada autonómica LU-120. Ata o camiño de Currás, na marxe dereita, conta con aparcamento en ambas marxes, e a partir de aí ata o final conta con aparcamento na marxe esquerda. Posúe beirarrúas en ambas marxes en todo o treito.
Pola súa banda, a Deputación cederá ao concello de Palas de Rei un tramo urbano de 816 metros da estrada LU-P-2901, que entronca coa coa estrada estatal N-547. O treito conta con bieravías ata a rúa das Lagas e a partir dese punto, con beirarrúas. Este tramo foi reparado previamente pola Deputación, no pasado mes de xullo, froito dun convenio de colaboración co concello de Palas de Rei.
Aprobación da cesión dun tractor e pala cargadora para Becerreá
O Pleno provincial tamén abordará a cesión gratuíta en propiedade dun vehículo do parque móbil da Deputación ao concello de Becerreá. Trátase dun tractor marca Renault 6514 equipado con pala cargadora frontal.
A súa cesión contempla que se destine de maneira exclusiva a labores de interese público e servizo municipal, como o mantemento da rede viaria, a conservación de camiños, a limpeza de cunetas e espazos públicos así como tarefas de prevención de incendios no medio rural.
Con esta cesión, o organismo provincial contribúe á optimización dos recursos públicos á vez que se reducen os custos derivados da contratación externa deste tipo de vehículos.