Deputación de Lugo

A Deputación reforza os fondos para os bombeiros e impulsa unha mellora global do modelo provincial de emerxencias

Consorcio de Bombeiros
O proxecto de orzamentos da Deputación prevé unha achega adicional de 400.000 euros ao Consorcio de Bombeiros en 2027.

Na reunión cos representantes dos traballadores abordáronse propostas sobre a valoración económica dos postos, o reforzo das gardas e a estrutura operativa, pendentes de valoración e de negociación.

Tamén se tratou a elaboración dun plan director para planificar as necesidades do servizo nos próximos anos.

O proxecto de orzamentos da Deputación de Lugo para 2027, que se someterá á aprobación do pleno de novembro, prevé incrementar en 400.000 euros a achega ao Consorcio Provincial de Bombeiros. Esta previsión económica permitiría atender medidas sobre persoal e organización do servizo, unha vez concretadas e aprobadas polos órganos competentes.

A presidenta, Carmela López, reuniuse esta semana cos representantes sindicais dos bombeiros para coñecer as súas peticións e trasladarlles unha proposta sobre as condicións laborais e a estrutura operativa do Consorcio. No encontro participaron tamén a deputada de Recursos Humanos, Pilar García Porto; o secretario do Consorcio, José Antonio Mourelle, e a xerente, Julia Vázquez.

As propostas están pendentes de valoración polos representantes dos traballadores e da súa posterior negociación no marco do Consorcio. A previsión de fondos no proxecto de orzamentos da Deputación non supón a aprobación definitiva das medidas.

Valoración dos postos de traballo

Entre as propostas abordadas figura a revisión da valoración económica dos postos, incluíndo as funcións de recurso preventivo vinculadas á supervisión das medidas de seguridade nas intervencións.

Tamén se tratou a actualización da retribución das horas extraordinarias. A concreción destas medidas e do seu alcance económico deberá realizarse no correspondente proceso de negociación e tramitación.

Persoal de gardas e estrutura operativa

A proposta presentada pola Deputación recolle a creación de catro prazas adicionais de bombeiros, co obxectivo de que as gardas dos seis parques conten con tres bombeiros e un cabo por quenda.

Así mesmo, prevé dúas prazas na estrutura operativa: unha de oficial xefe, para a coordinación técnica dos seis parques comarcais, e outra de oficial de prevención e seguridade.

Estas propostas deberán concretarse tendo en conta as necesidades de persoal, a organización das quendas e a dispoñibilidade orzamentaria do Consorcio.

Planificación do servizo

Na reunión tamén se abordou a elaboración dun plan director a varios anos, que identifique as necesidades do servizo, estableza prioridades e incorpore unha planificación económica das actuacións, incluídas as relativas á prevención de riscos laborais.

O proxecto de orzamentos provinciais para 2027 recolle, ademais, previsións para redactar o proxecto dun parque de bombeiros na Montaña e para os traballos necesarios para iniciar o proceso de integración dos GES no Consorcio.