Deputación de Lugo

A Deputación destina máis de 1,4 millóns de euros para impulsar a mellora da rede viaria provincial

A xunta de goberno autorizou a licitación de melloras de estradas en Sarria, Láncara e A Pontenova, así como a adxudicación de actuacións en vías dos concellos de O Saviñao, Lugo e O Corgo, cun investimento total que supera os 1,4 millóns de euros.

A Deputación aprobou a apertura do proceso de novas listas de emprego temporal para terapeuta ocupacional, ATS-DUE e axudante mecánico. A maoría das prazas convocadas irán destinadas á rede de residencias da institución provincial, contribuíndo así a seguir. mellorando a calidade asistencial das mesmas

A Deputación de Lugo continúa apoiando os concellos da provincia con investimentos que contribúen a mellorar as infraestruturas e os servizos nos núcleos rurais e urbanos, favorecendo así que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto de vida no territorio. 

Neste senso, a xunta de Goberno aprobou este venres investimentos que superan os 1,4 millóns de euros para o arranxo e mellora de diferentes infraestruturas viarias nos concellos de Sarria, Láncara,  A Pontenova, O Saviñao, Lugo e O Corgo.

Máis de 915.000 euros para renovar dúas estradas, a que comunica Sarria e Láncara e outra en A Pontenova

A Deputación licita un investimento de superior ós 915.000 euros para o arranxo e mellora de diferentes infraestruturas viarias nos concellos de A Pontenova, Sarria e Láncara. 

Este investimento divídese en dous proxectos. O primeiro, dotado con 712.313,18 euros, permitirá actuar na estrada LU-P-5701 que comunica o concello de Sarria, pasando polo lugar de Céltigos, co lugar de Armea, este último pertencente ao concello de Láncara. A actuación levarase a cabo en case 7 quilómetros e medio e contará cun prazo de execución de 4 meses.

O proxecto inclúe a reapertura e limpeza de cunetas e elementos de drenaxe para garantir a evacuación da auga; a pavimentación da vía cunha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente  para mellorar a superficie e a resistencia do firme; e o posterior repintado da sinalización horizontal con marcas reflexivas brancas xunto coa reposición da sinalización vertical. 

A mellora desta vía, na que a Deputación destina unha importante inversión, superior ós 700.000 euros, era moi demandada polos veciños da zona. Ademais, dentro do tramo sobre o que se levará a cabo a mellora, ubícase unha industria alimentaria (Fontecelta en Céltigos) que xera un importante volume de tráfico pesado. 

Por outra banda, para a actuación de mellora da estrada LU-P-4808 pertencente ao concello de A Pontenova, destinaranse 203.394,67 euros. Trátase dunha estrada que comunica A Pontenova e a parroquia de Vilaouruz, e o arranxo suporá a mellora nun tramo de 2,375 quilómetros. Trátase dun trazado de montaña con curvas complicadas e elevadas pendentes, polo que a mellora prevista contribuirá a reforzar a seguridade viaria dos vehículos.  

As obras inclúen o estendido dunha nova capa de asfalto de 5 centímetros de grosor para eliminar baches e reforzar a estrada, a limpeza de cunetas para evitar bolsas de auga, e o repintado completo da sinalización horizontal xunto coa renovación das sinais verticais. O prazo será de 4 meses para a execución das obras.   

Estas actuacións permitirán mellorar o estado das infraestruturas municipais, facilitar os desprazamentos e ofrecer espazos públicos máis seguros e accesibles, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida da veciñanza tanto no núcleo urbano como nas diferentes parroquias do municipio.

Adxudicados máis de medio millón de euros para acondicionar dúas vías entre Lugo e O Corgo, e outra en O Saviñao

No que ten que ver coa mobilidade, a institución provincial vén de adxudicar tres actuacións en estradas da rede viaria provincial que suporán un investimento superior ó medio millón de euros.

En concreto, destínanse 370.187,40 euros ao acondicionamento de dúas vías entre O Corgo e Lugo, nun total de case 8 quilómetros.

Por unha banda, arranxarase un treito de case seis quilómetros da vía LU-P-2918, que une Lugo coa parroquia de Adai. Por outra parte, acondicionarase un tramo algo máis de dous quilómetros da LU-P-2922, que vai desde Carballido ata Nadela. O prazo previsto para executar os traballos é de catro meses. 

Ambas vías contan cun volume de tráfico salientable , por tratarse de áreas de residencia periurbana e conexión rápida cara aos accesos da A-6 e A-54, a través do nodo de Nadela). O seu acondicionamento mellorará a fluidez e a seguridade nos desprazamentos diarios cara ao traballo e servizos na capital.

En O Saviñao mellorarase a totalidade da LU-P-5809, unha vía urbana que vai desde Escairón ata a parroquia de Madredauga, logo de que a obra fora adxudicada por un total de 132.319,21 euros. Os traballos cos que se acondicionarán os case catro quilómetros desta vía consistirán na reapertura de cunetas, saneamento da explanada, reparación de danos e reposición da sinalización vertical. O prazo de execución da obra será de catro meses.

É esta unha vía urbana relevante no sur da provincia de Lugo, pois é utilizada tanto polos veciños da zona, como por usuarios de maquinaria agrícola, á vez que recibe un importante tránsito turístico cara ás rutas da Ribeira Sacra.

Listas de emprego que reforzan a rede de residencias

Ademais, a xunta de goberno aprobou este venres a apertura do proceso para elaborar novas listas de emprego temporal para tres perfís profesionais: terapeuta ocupacional, ATS-DUE e axudante mecánico. Unha medida que reforza a capacidade da Deputación para cubrir as necesidades de persoal e garantir a prestación dos servizos públicos provinciais.

A maoría das prazas convocadas irán destinadas á rede de residencias da institución provincial, que actualmente está composta por 9 centros, con máis de 300 prazas ocupadas, e que xeran arredor de 300 postos de traballo directos. Unha iniciativa que contribúe a seguir mellorando a calidade asistencial da rede de centros públicos de atención a maiores da Deputación.