Deputación de Lugo

A Deputación destinará un millón de euros a mellorar estradas en Paradela, Pantón, O Saviñao, Guntín e Vilalba

Pilar García Porto
paradela
PANTON
O Saviñao
GUNTIN
Vilalba
Os investimentos foron aprobados este venres en xunta de goberno. Na capital chairega construiranse dúas glorietas no casco urbano

Tamén se acordou solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico unha axuda de 300.000 euros para desenvolver o proxecto Tecendo no rural, destinado aos concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes

A Deputación de Lugo aprobou este venres, na reunión da xunta de goberno, investimentos por 1M€ para mellorar a mobilidade provincial e municipal. Así o avanzou a voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, quen destacou que estes acordos “dan resposta a necesidades concretas dos concellos e da veciñanza”.  

Entre as medidas aprobadas, a xunta de goberno licitou obras de mellora en estradas provinciais ao seu paso por Paradela, Pantón, O Saviñao e Guntín. “Seguimos avanzando na mellora da nosa rede viaria, que conta con máis de 4.000 quilómetros, cun traballo constante para mellorar as comunicacións e a seguridade nos desprazamentos”, sinalou García Porto.

Máis de medio millón en estradas provinciais

A xunta de goberno licitou actuacións por máis de medio millón de euros, que inclúen a mellora da LU-P-4203, no concello de Paradela, no tramo que vai de Pacios a Trebolle, na parroquia de Vilarmosteiro. O proxecto conta cun orzamento próximo aos 300.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Os traballos permitirán renovar o firme dos primeiros catro quilómetros, limpar e recuperar as cunetas e mellorar a sinalización horizontal.

“Trátase dunha vía importante para as comunicacións da zona, xa que facilita os desprazamentos diarios da veciñanza e conecta diferentes núcleos rurais”, sinalou Pilar García Porto. Ademais, “esta vía dá servizo a lugares de interese patrimonial, como Friolfe, coñecido polo seu patrimonio arqueolóxico e románico, e San Martiño da Torre, onde se atopan os restos da Torre de Barreira, declarada Ben de Interese Cultural”, subliñou a deputada.

En Pantón, licítanse dúas intervencións. A primeira afecta á LU-P-3204, nun tramo de 520 metros dunha vía que conecta as parroquias de Moreda pola Vide. A segunda actuación desenvolverase na LU-P-4112, entre Pantón e O Saviñao, onde se mellorarán os primeiros seis quilómetros, desde Reguengo, en San Vicente de Castillón, ata Lamaquebrada, en Fión. O investimento conxunto destas dúas obras ascende a 250.640 euros e o prazo de execución previsto é de catro meses.

Pola súa banda, en Guntín actuarase na LU-P-2406, entre a parroquia de Lousada e Longalai, na parroquia de Santiago de Ferroi, pasando por Mota. A intervención abrangue un tramo de case catro quilómetros e conta cun orzamento de 90.690 euros, tamén cun prazo de execución de catro meses.

Colaboración con Vilalba para mellorar o tráfico e a seguridade no centro

A xunta de goberno tamén aprobou un convenio co concello de Vilalba, por un importe próximo aos 333.000 euros, para construír dúas glorietas no municipio. A primeira estará situada na intersección do Campo da Ponte coa rúa Castelao, mentres que a segunda se construirá no entorno da avenida Terra Chá, a rúa da Feira e a avenida de Cospeito.

O proxecto inclúe, ademais, melloras nos pasos de peóns, creación de zonas verdes e reorganización das prazas de aparcamento. No Campo da Ponte habilitarase tamén un espazo de descanso e acollida para as persoas peregrinas que percorren o Camiño do Norte. A voceira socialista explicou que a actuación “busca mellorar a reordenación e a seguridade, pero tamén facilitar os desprazamentos a pé e facer máis accesibles estes espazos, mantendo a actividade comercial da vila”.

Adquisición de novos vehículos para reforzar tarefas en vías da provincia

Outro dos acordos foi a adxudicación á empresa Autogomas Noroeste, S.L. do contrato para incorporar cinco vehículos á frota móbil provincial, por un importe de 105.977 euros. A operación inclúe tamén a recollida de cinco vehículos antigos por un valor de 26.589 euros.

Estes novos medios destinaranse aos traballos de mantemento e conservación da rede viaria provincial, que supera os 4.000 quilómetros. Pilar García Porto lembrou que este ano a Deputación incrementou en máis de 540.000 euros os recursos destinados á roza e limpeza das marxes das estradas, ampliando o servizo a máis do 75 % da provincia.

Solicitude de 300.000€ para levar acompañamento dixital aos concellos rurais 

Por último, a Xunta de Goberno acordou solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) unha axuda de 300.000€ para poñer en marcha un servizo itinerante de acompañamento dixital nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes. A través do programa Tecendo no rural, a institución provincial quere achegar a formación e o apoio tecnolóxico á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, axudándolles a utilizar as novas tecnoloxías e a realizar xestións dixitais sen ter que desprazarse.

O proxecto combinará talleres prácticos e atención de proximidade en espazos municipais, asociacións, centros de maiores e residencias. Tamén incluirá actividades interxeracionais e o uso práctico da intelixencia artificial para facilitar tarefas cotiás, reforzar a autonomía persoal e combater a soidade non desexada.

A proposta incorpora o uso práctico da intelixencia artificial “como ferramenta para facilitar tarefas cotiás, reforzar a autonomía persoal e contribuír a combater a soidade non desexada”, aseverou García Porto.