O Pazo de San Marcos acollerá mañá unha xornada sobre a represión das mulleres durante o franquismo
As especialistas en memoria histórica e feminismo, Montse Fajardo, Tamara López e Silvia Fernández, analizarán o funcionamento do Patronato de Protección a la Mujer, en calidade de estudosas deste organismo e persoas próximas a algunas vítimas; os abusos sufridos polas mulleres e os retos pendentes no recoñecemento e reparación das vítimas
O Pazo de San Marcos acollerá mañá, xoves 29 de outubro, ás 19:30 horas, a xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer, unha iniciativa da Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve para afondar nun dos mecanismos de control social e moral exercidos sobre as mulleres durante o franquismo.
O Patronato de Protección a la Mujer, activo ata 1985, actuaba baixo unha suposta finalidade de protección e reeducación, pero sometía numerosas mulleres e mozas a un férreo control sobre a súa conduta e a súa vida persoal. A xornada permitirá coñecer mellor o funcionamento desta institución, recuperar as experiencias das afectadas e analizar as dificultades que persisten para documentar os abusos e avanzar no recoñecemento e na reparación das vítimas.
A xornada contará coa participación de tres especialistas en memoria histórica e feminismo. Montse Fajardo Pérez, xornalista e escritora, é autora do libro Caídas: achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia. Tamén intervirá Tamara López Fernández, investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela e integrante do grupo de investigación Histagra. Pola súa banda, Silvia Fernández Quinteiro, avogada e investigadora sobre o Patronato, abordará os avances no recoñecemento xurídico das vítimas e afondará no caso de Eva García de la Torre, exalcaldesa socialista do Porriño, recoñecida como vítima da represión exercida por este organismo franquista.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, será a encargada de abrir o encontro xunto a Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve, que tamén moderará o debate.
A xornada enmárcase no programa Lugo con Memoria, impulsado para divulgar episodios e figuras relevantes da historia local e nacional a través de conferencias, mesas redondas e actividades culturais. O ciclo abriu a pasada semana coa conferencia da historiadora Ana Martínez Rus, da Universidade Complutense de Madrid, con motivo da presentación do libro Manuel Cordero y el voto femenino.