Deputación de Lugo

A Deputación reclama á Xunta que non deixe a provincia de Lugo fóra dos fondos de compensación e esixe máis vivenda pública

VIVENDA
Pleno
No pleno ordinario de outubro, o goberno provincial tamén reafirmou o seu compromiso coa apertura de novas residencias de maiores, tras desbloquear e impulsar varias nos últimos meses, así como a cooperación cos concellos para captar e xestionar fondos europeos, que acaba de dar un paso máis coa creación do Centro de Innovación Territorial

A sesión contou con público especial, xa que case medio cento de nenas e nenos do colexio San José aproveitaron a visita ao Pazo de San Marcos para ver en directo parte do debate político

O pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes dúas iniciativas centradas en cuestións que afectan ao desenvolvemento territorial e ao benestar da cidadanía: a distribución do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) e o impulso da vivenda pública da provincia. As dúas saíron adiante cos votos a favor de PSdeG, BNG e o deputado non adscrito, mentres que o PP votou en contra.

“Lugo necesita un reparto transparente dos fondos e investimentos que se traduzan en solucións reais para as persoas”, valorou a presidenta da Deputación, Carmela López, antes do comezo da sesión. “Non entendemos como a provincia de Lugo leva tantos anos quedando a cero no Fondo de Compensación Interterritorial, que precisamente debe servir para compensar os desequilibrios entre territorios. E tampouco abonda con anunciar 350 millóns de euros para vivenda se despois non se executan cando temos 3.444 solicitudes de vivenda protexida na nosa provincia”, engadiu.

No que ten que ver co FCI, o goberno provincial presentou unha proposta reclamando á Xunta de Galicia un modelo de reparto transparente e equilibrado, que teña en conta as necesidades específicas da provincia de Lugo.

Pilar García Porto: “O desenvolvemento dunha provincia non pode ser a costa da exclusión doutra”

“O desenvolvemento dunha provincia non pode ser a costa da exclusión doutra”, defendeu a voceira socialista, Pilar García Porto, durante o debate. Lembrou que leva sendo excluída desde o 2022 do reparto destes fondos, que suman unha media de 38 millóns de euros ao ano para Galicia. 

No 2024, último ano analizado polo Consello de Contas, a totalidade do diñeiro foi para o hospital Montecelo, de Pontevedra.

“Non estamos pedindo privilexios para Lugo, estamos pedindo xustiza territorial. Un fondo creado para corrixir desigualdades non pode deixar fóra precisamente os territorios que máis necesitan ese equilibrio”, argumentou García Porto. “A Xunta debe establecer criterios públicos e obxectivos, repartir os recursos atendendo ás necesidades das catro provincias e explicar que destino lles dá aos fondos que quedan sen executar. Defender Lugo non é pedir máis ca ninguén: é esixir que non se nos dea menos do que nos corresponde”, engadiu.

Socialistas e nacionalistas sacaron adiante a iniciativa na que instan á Xunta a que revise o modelo de asignación dos fondos a un proxecto único e os distribúa entre as provincias que máis o precisan. É necesario considerar as necesidades en materia de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos á hora de establecer as prioridades de investimento, remarcaron.

García Porto instou á bancada da oposición, onde hai varios alcaldes, a preguntarse que modelo de reparto de fondos queren, contrapoñendo a práctica da Xunta co FCI ao Plan Deputación, que ten criterios obxectivos de asignación de fondos e que nalgunha época o PP quería atribuírseo, lembrou a voceira socialista.

 A iniciativa aprobada tamén inclúe a petición á Xunta para que informe no Parlamento sobre a xestión do FCI nos últimos anos e sobre o destino dos remanentes pendentes de execución desde 2020.

Medidas para aumentar a oferta de vivenda pública

A segunda iniciativa, presentada polo grupo socialista, busca que o Executivo autonómico incremente a promoción de vivenda pública na provincia e apoie medidas orientadas a facilitar o acceso a unha vivenda digna, tanto para as persoas inquilinas como para os propietarios.

García Porto cifrou en 35.703 as persoas que están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, das que 3.444 delas pertencen á provincia de Lugo. Sinalou que, entre o 2010 e o 2023, a Xunta só promoveu 5.869 vivendas protexidas en toda a comunidade autónoma, cando é a a administración que ten as competencias nesta materia. “Menos anuncios e máis vivendas, porque o dereito a un fogar non pode quedar en promesas”, subliñou.

O goberno provincial insta á Xunta a aumentar o ritmo de execución do orzamento que consigna para vivenda, que cree unha bolsa de vivendas públicas para atender situacións de urxencia social e que axude aos concellos a abordar novas problemáticas que son comúns e que teñen un impacto directo na oferta de vivenda, como a proliferación de vivendas de uso turístico.

Así mesmo, o executivo insta á Xunta a que apoie as medidas medidas impulsadas polo Goberno de España en materia de alugueiro, estabilidade dos contratos e protección fronte aos desafiuzamentos.

O PP pediu a creación dun departamento de Fondos Europeos que xa existe

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, respondeu á moción do PP sobre a creación dun departamento de fondos europeos lembrando que a Deputación de Lugo conta xa desde o 2019 cunha área de Proxectos Europeos e que, desde 2007, a institución xestionou 74 millóns de euros en fondos europeos. Tamén destacou a creación recentemente do Centro de Innovación Territorial, dotado con seis técnicos, para reforzar a captación de recursos e apoiar os concellos da provincia.

Nese sentido, cuestionou a proposta dos populares ao considerar que reclama crear unha estrutura que xa existe e sinalou que, se agora o PP presume dese servizo na Deputación de Pontevedra é porque o puxo en marcha con anterioridade un goberno bipartito como o que xestiona a institución lucense. Rivera Capón referiuse a varios programas que a Deputación lucense puxo en marcha con fondos europeos, por exemplo, para axudar á dixitalización dos concellos ou para iluminación eficiente, e denunciou que numerosos concellos gobernados polo PP non se adheriron por intento de boicot ou deixadez.

Compromiso coa rede de residencias

Rivera Capón cuestionou a falta de novas residencias públicas construídas pola Xunta de Galicia na provincia de Lugo durante oito anos de Fabiola García á fronte da Consellería de Política Social. Defendeu que a Deputación seguirá adiante coa apertura destes centros  e reprochou aos populares que reclamen datas á institución provincial sen dar explicacións sobre a ausencia de novas residencias públicas autonómicas en Lugo.

O deputado contrapuxo así o esforzo da Deputación para ampliar a rede de atención ás persoas maiores coa xestión da Xunta nesta materia e reclamou maior compromiso coa creación de prazas públicas, ante as necesidades de atención e coidados existentes na provincia. 

Un pleno con público especial: nenos do colexio San José

Medio cento de alumnos e alumnas de entre 8 e 9 anos do colexio San José de Lugo asistiron este martes ao pleno ordinario da Deputación. Recibiunos o deputado Pablo Rivera e a presidenta compartiu con eles un tempo antes de arrancar a sesión para explicarlles o funcionamento da institución provincial e achegarlles o labor que desenvolve.

O alumnado amosouse moi participativo e interesado e lanzou moitas preguntas tanto ao deputado como á presidenta. Os estudantes eran coñecedores de que Carmela López é tamén a alcaldesa de Burela, preguntaron de onde eran “tantas bandeiras” e riron cando a presidenta lles contou que a provincia ten 67 concellos facendo a coñecida broma dos “six-seven”. Algúns mesmo lle pediron autógrafos, pero, como a sesión plenaria estaba a piques de comezar, López comprometeuse a facerlles chegar unha dedicatoria personalizada a cada un deles.

As nenas e os nenos tamén puideron ver un pequeno vídeo sobre a Deputación e os técnicos de Protocolo aportáronlles datos sobre o Pazo de San Marcos e sobre a institución.

Pleno outubro